EconomíaEconomíaÚltima hora

A futura Estratexia de Turismo de Galicia 2024-30 avanza no seu deseño con máis de mil participantes na súa fase de diagnose

O director de Turismo de Galicia di que agora analizaranse estes resultados "para deseñar a nova planificación que terá entre os seus focos o reforzo da sustentabilidade e a dixitalización"

 

O director de Turismo de Galicia, o valdeorrés Xosé Merelles, reuníase hoxe co presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, para acudir á que era a última reunión do proceso de diagnose no que participaron durante os últimos meses máis de 1.000 profesionais do turismo.

Xosé Merelles salientou o alto nivel de participación para elaborar esta futura folla de ruta que dará continuidade “ao excelente traballo levado a cabo nos últimos anos nos que neste 2023 o turismo galego superou as expectativas iniciais con creces”. Neste sentido, recordou que a Estratexia Galicia Destino Seguro posta en marcha no marco da pandemia e que remata este ano “foi unha moi eficaz ferramenta que nos permitiu unha recuperación progresiva e un fortalecemento do sector”.

Referiuse aos máis de 400 millóns de euros que se mobilizaron en Galicia destino seguro, coa que o Goberno autonómico fixo un esforzo especial sobre todo nos primeiros anos para salvar ás empresas e inxectar liquidez e se continuou nestes últimos anos reforzando as medidas de sustentabilidade e dixitalización.

“Foi un plan co que cumprimos o que esperábamos de xeito moi ampo. Estaba prevista a recuperación progresiva de viaxeiros cunha chegada estimada de 5,2 millóns este 2023 e a falta de contabilizar dous meses a cifra xa supera os 6 millóns”, explicou ao tempo que se referiu a que se trata de datos que están a incidir de maneira directa tamén no avance cualitativo do turismo en Galicia. “Tamén se cumpriron os obxectivos de internacionalización, cando agora supoñen máis do 30% da nosa demanda, unhas cifras nunca antes acadadas”, dixo.

Aval das universidades

Coa intención de reforzar esta boa evolución, a Xunta e o Clúster están avanzando na futura estratexia 24-30 “que nace da participación moi ampla do sector”. Neste sentido, recordaron que a información recabada nas 20 mesas de traballo celebradas nestes meses na que participaron máis de 400 persoas súmase á recollida nas preto de 600 enquisas online. Neste tempo recoullese información sobre a diversidade de perspectivas e desafíos que enfronta o turismo nas diferentes zonas da comunidade.

Agora, en colaboración coas tres universidades galegas en coordinación coa Área de Estudos e Investigación de Turismo de Galicia, elaborarase unha análise científica sobre a oferta, a demanda e a cadea de valor do sector turístico en Galicia, analizando polo miúdo os recursos que constitúen parte da súa oferta diferencial.

Artigos relacionados

Back to top button