
A XVI edición do Festival Internacional Rebulir (FIR) volverá a espallar entre os ourensáns a cultura etnográfica doutros lugares polos concellos de Ourense, Celanova e Ramirás. A inauguración do certame tiña lugar onte no centro cultural “Marcos Valcárcel”, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a coordinadora territorial de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, Sandra Quintas; a alcaldesa de Ramirás, Isabel Gil; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; e o director do FIR, Alexandre Sotelino.
Rosendo Fernández lembrou que este festival naceu co obxectivo de “achegar ata Ramirás e á comarca a grupos de persoas con culturas diferentes a nosa, así como facer partícipes á nosa veciñanza e que poidan ter coñecemento doutras manifestacións de carácter etnográfico”. Cos anos, o FIR converteuse “nunha das citas lúdico-cultural máis importantes da nosa provincia que cada mes de decembro ofrece unha ampla e variada programación que ten tamén calado educativo porque axuda a ampliar coñecementos sobre outras culturas diferentes á nosa”. Así mesmo, o presidente da Deputación de Ourense recoñeceu o gran labor que realiza o colectivo Rebulir “a prol da nosa cultura e das tradicións”.
Pola súa parte, Alexandre Sotelino agradeceu “a gran colaboración público e privada que respalda este Festival” e recalcou que esta é edición é a “da insistencia e a da resistencia, porque a pesar da situación sanitaria actual fomos capaces de levalo a cabo e resistímonos a cancelalo”. Neste sentido, o director artístico do FIR destacou que o Festival celebrarase baixo medidas moi estritas para garantir a seguridade da organización, dos participantes e dos asistentes.
En canto á programación desta edición, Alexandre Sotelino afirmou que é “máis ampla porque ten máis actividades, máis diversa e máis inclusiva porque tratamos de traballar con todos os colectivos do municipio”.
A gala central do Festival presentada por Pulpiño Viascón, durante a cal se entregan os premios Rebulir da Cultura Galega, celebrarase mañá, 18 de decembro, a partir das 19 horas no polideportivo de O Picouto. Este ano, o xurado do certame decidiu recoñecer o traballos das seguintes persoas e institucións: na categoría de Música Galega premiouse a Xabier Díaz Carro pola súa dilatada traxectoria no eido da música tradicional tanto dentro como fóra de Galicia; na categoría de Artes Escénicas foi premiado o programa da TVG Xabarín Club por ter contribuído desde o audiovisual á normalización lingüística e difusión da cultura galega; e na categoría homenaxe premiouse a Anxo Angueira pola súa contribución á literatura galega e a súa vinculación persoal e profesional con Ramirás e a comarca de Terras de Celanova. Así mesmo, durante a gala farase unha mención de honra aos emigrantes retornados a Ramirás.
Esta gala será “máis dinámica, curta e rápida ca outros anos”, sinalou o director do FIR, porque se desenvolverá en dous sets no escenario para alternar as intervencións e para facilitar que os cambios sexan rápidos e con transicións lúdicas para o público”.
Con todo, a programación do sábado comezará ás 13 horas con animación a cargo de Quitus (Ecuador) e Tangra (Bulgaria) na praza Maior de Celanova. Ás 16:30 hora, Tangra encherá de música as rúas e espazos de Ramirás. De seguido, na gala central, ademais da entrega dos premios, haberá actuacións a cargo do grupo Rebulir, Tangra, Quitus, Mayalde (Salamanca) e o Grupo Folclórico de Cacia (Portugal).
Por último, o domingo, 19 de decembro, ás 13 horas o Grupo Folclórico de Cacia animará a Feira de Ramirás en Vilavidal e, rematará esta edición co concerto (virtual) de Alba Faro ás 20:30 horas.