CulturaEducaciónÚltima hora

A Galiciencia inicia a celebración do seu X aniversario

o espectáculo científico co que arranca o programa, tamén se achegará ata O Barco e verín
Asistentes ao espectáculo científico na Tecnópole.
Asistentes ao espectáculo científico na Tecnópole.

Na mañá do 4 de marzo, arrancaba o programa de actividades organizado pola Tecnópole con motivo do décimo aniversario da maior feira científica de Galicia, a Galiciencia. E facíao cun espectáculo científico celebrado no Parque Tecnolóxico de Galicia (Ourense) que visitará doce localidades das catro provincias ao longo dos vindeiros tres meses, previo á celebración da décima edición da Galiciencia, que se celebrará os días 18, 19 e 20 de novembro.

O espectáculo, ao que asistiron 400 escolares de varias localidades de Ourense, aproveita a celebración do Ano Internacional da Luz, facendo un percorrido polas características da luz e polas tecnoloxías baseadas nelas, desde o microscopio ao LED pasando pola fibra óptica. Os estudantes tiveron ocasión de participar en experimentos sorprendentes deseñados para aprender a través da ciencia explicada de maneira amena e divertida.

Entre moitas outras cousas, os divulgadores científicos David Ballesteros e Carlos Pérez mostráronlles na práctica os fundamentos dos fogos artificiais, e explicáronlles por qué un raio láser pode atravesar o aceite de oliva pero non o refresco de cola. Tamén, grazas ao láser puideron proxectar unha gota de saliva tan aumentada que se podían apreciar as bacterias presentes nela.

Ata finais de maio, o espectáculo itinerará por vilas de toda Galicia: O Barco de Valdeorras e Verín, en Ourense; Monforte, Lugo e Viveiro, na provincia de Lugo; Ribeira, Padrón e Betanzos, en Coruña; e Pontevedra, A Guarda e Silleda, na provincia de Pontevedra.

Presentación do X aniversario da Galiciencia.
Presentación do X aniversario da Galiciencia.

Desde mediados do mes de abril ata final de curso organizaráse tamén unha ducia de cursos especializados para profesores en centros de toda Galicia, co obxectivo de capacitalos no método científico, de maneira que poidan apoiar aos seus alumnos na preparación de proxectos para participar tanto na Galiciencia como noutros certames. As inscricións neste curso, que terá lugar en horario de tarde, xa están abertas.

Aproveitando a celebración deste aniversario, Tecnópole lanzará asemade un concurso para deseñar a mascota oficial do evento. Os escolares galegos poderán presentar entre abril e xuño as súas ideas e a proposta gañadora cobrará vida durante a celebración da feira.

Artigos relacionados

Back to top button