O municipio de Vilariño de Conso, que alberga o Parque Natural do Invernadeiro, vaise converter nunha das zonas máis importantes de xeración de enerxía limpa de España. Aí Iberdrola creará unha nova central de bombeo con 1.800 megawatios (MW) de capacidade e que funcionará como a gran despensa de enerxía limpa da península ibérica. Así o vén a de anunciar a compañía a través de dous vídeos promocionais que se publicaban nas redes sociais a pasada fin de semana.
¿Como se garda algo inmaterial como a electricidade? Pois en forma de auga, que pasa dun encoro a outro xerando enerxía limpa. Así nestas pezas audiovisuais explícase a relevancia das centrais hidroeléctricas de bombeo, unhas “instalacións que aproveitan o fluxo da auga que pasa dun encoro ao seguinte para producir enerxía limpa, aproveitando a enerxía solar sobrante das horas do día. Pero, ademais, son capaces de bombeala augas arriba co obxectivo de poder almacenala nun encoro superior e dispoñer de enerxía verde para cando é máis necesaria, reducindo así a dependencia de condicións meteorolóxicas ou de fontes contaminantes”.
No caso de Vilariño de Conso está proxectado poñer en marcha unha nova central subterránea (polo que que “vai reducir todo o impacto visual ou medioambiental”) de 1.800 MW, “case o dobre de calquera central nuclear en España”. Ademais poderá bombear a auga de volta ata un dos encoros a maior altitude de España: o do Cenza. E usará a enerxía solar sobrante das horas do día, sendo, polo tanto, un “proceso cen por cen limpo”.
https://www.youtube.com/shorts/ZqiNrSH629A
Este “novo fito da enxeñería” creará preto de 3.000 novos empregos a partir do 2025, durante a súa construción e “non só dará enerxía limpa a millóns de familias, tamén cumprirá co gran reto da enerxía renovable: poder almacenala e contribuír así a ser máis competitivos e autosuficientes como país”.