EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A “Guía de Viños de Galicia” preséntase nas denominacións ourensás

Presentación da guía na D.O. Monterrei./ Foto: CRDO Monterrei.

 

A edición do 2021 da “Guía de Viños, Destilados e Bodegas de Galicia” vén de presentarse nas catro denominacións de orixe ourensás. Así neste sábado a sede do C.R.D.O. Monterrei, en Verín, acollía este acto coa asistencia da presidenta do consello regulador, Lara Da Silva, e dos dous autores da guía, Luis Paadín e Alejandro Paadín. Nesta publicación aparecen referenciadas as 27 adegas de Monterrei e un total de 84 viños amparados pola D.O. lograban medalla (dos que 13 son Gran Ouro, 56 Ouro e 15 Prata).

Anteriormente, o venres esta publicación presentábase na sede do CRDO Ribeira Sacra, en Monforte de Lemos. Neste caso o acto contaba coa presenza de Alejandro Paadín, coautor da guía, na que se distingue con 19 medallas de Gran Ouro (das que todas corresponden a viño tinto e 1 branco)a viños desta denominación, ademais logran 161 medallas de Ouro e 44 medallas de Prata.

 

Presentación na D.O. Ribeira Sacra./ Foto: CRDO Ribeira Sacra.

 

“Estanse apuntalando moitísimo os temas de colleitas e de parcela, moitos viños que veñen de parcelas con moita personalidade e permiten que os viños teñan Gran Ouro. Ribeira Sacra é das comarcas de Galicia onde a relación calidade prezo está moi equilibrada e por riba da media”, dicía Paadín.

Tamén o venres presentábase a guía na sede do CRDO Ribeiro, en Ribadavia. Un total de 224 viños desta denominación resultaba recoñecido por esta publicación: 21 referencias acadaron medalla de Gran Ouro, 148 viños medalla de Ouro e outras 55 marcas foron distinguidas con medalla de Prata.

 

Presentación na D.O. Ribeiro./ Foto: CRDO Ribeiro.

 

Na presentación contábase cos propios autores da publicación, Luis e Alejandro Paadín, e do presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares. Este último comentou que “cada ano percibimos un incremento no número de distincións e isto é unha enorme recompensa ao bo facer dos viticultores e adegas da Denominación de Orixe”.

Para a realización desta guía, catáronse máis de 1.500 viños e destilados (pertencentes á totalidade das adegas e destilerías amparadas nas DO’ s e IXP’ s de viño de Galicia). O volume tamén inclúe un histórico de medallas, mapas climáticos e pluviométricos dos últimos 4 anos en cada DO, mapas litolóxicos e de relevo, e orixe da uva (en base a tres niveles, Zona/Rexión – Concello / Parroquia e Parcela). Así como, buscador de viños por R.E. N. (Número de Rexistro Embotellador e Envasador) cos nomes das adegas embotelladoras e unha árbore xenealóxica dalgunhas das principais variedades ancestrais de Galicia, entre outras cuestións.

Tamén o venres o CRDO Valdeorras acollía esta presentación, coa asistencia de Alejandro Paadín e do presidente do CRDO Valdeorras, José Luis García.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button