A previsión meteorolóxica asustaba co aviso de fortes chuvias para a mañá deste sábado 6 de outubro, pero sorprendentemente cambiaba e tras unha noite pasada por auga a xornada amencia despexada xurdindo un resplandecente sol que está a acompñar ao participantes na I Andaina Serra de Cereixido do Gran Premio de Montaña A Rúa.
Cun pequeno cambio no horario (estaba prevista a saída da andaina longa para as 8:30h. e media hora despois a da curta) ás nove da mañá saían os participantes nas dúas andainas. Un total de 180 andarines de diferentes partes de Galicia, moitos de Valdeorras (24 do Club Peña Trevica Barco, varios de Andarines Arcos, varios do Club Atletismo Rúa,…), da provincia de Pontevedra e sobre todo da Coruña co Club Trabandainas chegado dende Noia con 41 membros, entre outras localidades que tomaban a saída na praza de Fontei.
A partir de aí, uns optarán pola ruta curta, de 15 km, pasando polos miradores dos Carneiros e Barranco Rubio; e outras pola longa, de 25 km, que pasará por lugares tan espectaculares como a Fraga da Cerva, a Fraga de Busdei ata chegar a Roblido, con fermosas vistas sobre o val da Rúa.
Dende a organización valoran positivamente a boa acollida desta primeira edición da andaina, adiantando que para o ano que vén esperan poder recuperar o trail do Gran Premio de Montaña.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.
Máis información e fotos:
A dura e espectacular ruta da Andaina Serra de Cereixido da Rúa, en imaxes