SanidadeÚltima hora

A idade media dos contaxiados por Covid baixa máis de 10 anos en apenas 2 meses

A data de hoxe a media de idade dos 141 afectados e afectadas pola Covid19 na nosa provincia é de 36 anos mentres que a finais de abril situábase nos 47.6

 

En apenas dous meses, a idade media das persoas contaxiadas de Covid19 na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco reduciuse en máis de dez anos, pasando dos 47.6 , o pasado 30 de abril (con 271 casos activos) a 36 anos hoxe, con pouco mais da metade de positivos, 141, nun rango etario que oscila entre os 6 e os 83 anos, segundo indica a Consellería de Sanidade.

A este perfil podese engadir que hai unha leve maioría de homes contaxiados, o 56.8%, fronte a mulleres, 61 casos, ou o que é o mesmo o 43.2%. Eso si, a idade media mantense en ambos sexos e a inmensa maioría está a pasar a enfermidade sen complicacións, nin necesidade de ingreso hospitalario.

Segundo os datos recollidos, a data de hoxe os pacientes ingresados só representan o 1,41% dos casos, con dúas persoas ingresadas, unha na Unidade de Coidados Intensivos e outra en planta, ambas no Hospital Universitario de Ourense, manténdose libres de Covid os hospitais públicos de Verín e Valdeorras.

Outra constante que se mantén é que a maioría dos casos concéntranse no concello de Ourense, o 66.6%, 94 casos activos, algo que está a ser unha constante desde o inicio da pandemia, en paralelo co maior volume de poboación. Unha boa nova é que na provincia 71 concellos están libres de casos, e xunto con Ourense tan só catro teén mais de 3 casos, Barbadás con 9, A Merca 7, O Barco de Valdeorras 5 e Verín 4.

Medidas e vacinación

“Sen dúbida, este cambio tanto na incidencia global, presión asistencial e redución da idade media, está directamente relacionado coa concatenación das medidas de control, a vixilancia epidemiolóxica, os rastrexos de contactos e cribados poboacionais e a extensión da vacinación fronte a Covid19, neste intre avanzando na protección das persoas de entre os 40 e os 49 anos e completando as pautas dos de idades inmediatamente superiores”, asegura Sanidade.

Ademais a consellería indica que as esperanzas depositadas na vacinación estanse confirmando, con datos en vida e tempo real, tanto para reducir infeccións como casos de enfermidade grave. Asemade estase comprobando que a efectividade vacunal mantense en persoas vulnerables por mor da idade, cun descenso dos casos que requiren hospitalización, así como da mortalidade.

Desde o inicio da campaña de vacinación 137.016 ourensáns xa completaron a súa pauta vacinal, e mais dun millón en toda Galicia. En total na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O barco de Valdeorras administráronse xa 312.280 doses, a maioría, o 76,5% de Pfizer, e o resto o 14% de AstraZeneca, o 6,5 de Moderna e o 3% de Janssen.

Artigos relacionados

Back to top button