OurenseÚltima hora

A II edición de Inspiro, que se celebrará en Expourense o 18 de abril, dará as claves para emprender con éxito

 

Tras os bos resultados da primeira, Expourense volve aliarse coa empresa especializada en informática e márketing dixital DixitalGou, para organizar unha segunda edición de Inspiro, un encontro interxeracional entre o tecido empresarial e os diferentes modelos formativos (Universidade e centros de Formación Profesional) de toda Galicia que se celebrará o 18 de abril no recinto feiral ourensán cun programa inclúe conferencias de expertos sobre emprendemento, networking e a exposición dos dez traballos finalistas do 2º Concurso de Proxectos Emprendedores.

O programa de conferencias está dispoñible na web do encontro que contará coa participación de 11 expertos en emprendemento que impartirán clases maxistrais e compartirán os seus casos de éxito á hora de converter un proxecto nunha empresa.

Inspiro 2024 era presentado na mañá deste xoves 11 de abril nun acto o que participaron a directora do Centro Galego de Innovación da Formación Profesional, Marta Vázquez; o vicerreitor da Universidade de Vigo – Campus Ourense, Francisco Javier Rodríguez; o CEO de DixitalGou, Pablo Sanmartín, e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.

A presentadora de televisión e directiva de SOC Comunicación, Lucía Rodríguez, exercerá de novo de mestra de cerimonias deste encontro que arrincará coa conferencia inaugural de Fernando Salinero, consultor estratéxico especializado na construción e desenvolvemento de proxectos, que explicará “Como vender o teu proxecto e que todo o mundo cómprecho?”. O programa de conferencias continuará coa intervención do mentor de produtividade empresarial Iago Fraga que repite experiencia tras o éxito da súa intervención na primeira edición. Falará sobre “Como brillar con creatividade cando a túa empresa máis o necesita”.
Inspiro 2024 incluirá ademais unha mesa redonda moderada polo Ceo de DixitalGou, Pablo Sanmartín, na que catro empresarios emprendedores presentarán as súas experiencias de éxito. Participarán os directivos das empresas “Smell Maniac”, “Melsacra”, “Suagongo” e o realizador audiovisual e creador de contido Jorge Boquete.

 

 

A sesión de tarde incluirá un relatorio sobre Intelixencia Artificial impartida por Alfonso Lago, CMO de Wairbot, tecnoloxía desenvolvida no Silicon Valley Vigo e outra sobre o potencial do ámbito deportivo para xerar oportunidades de emprendemento poñendo como exemplo o caso de éxito de “10METS.com”. Esta última correrá a cargo de Jacobo López, directivo da Agrupación industrial Galega de Deporte e de 10mets.com, unha plataforma en liña de exercicio físico supervisada por especialistas da saúde e o exercicio.

A última dos relatorios do Encontro Inspiro será “Raíces do Emprendemento. Crecendo Xuntos” impartida por Iago Ríos e Iria López, fundadores de Asesoría Xesta. O encontro terminará cunha homenaxe á traxectoria empresarial de Olga Santos.

Concurso de Proxectos Emprendedores

En Encontro Inspiro albergará ademais a final do Segundo Concurso de Proxectos Emprendedores ao que se presentaron máis de 30 traballos. Á final chegaron 10 finalistas procedentes da Universidade de Vigo e dos centros de Formación Profesional da Farixa, Portovello e Santo Cristo.

O programa de conferencias do Concurso inclúe varios pases de exposición dos proxectos finalistas, 10 en total. A entrega de premios terá lugar ás 18:45 horas. Os premios aos gañadores serán en metálico (hai 1.100 euros a repartir en 3 categorías) e inclúe tamén unha mentorización a cargo dun experto ou empresa.

Este encontro terá lugar en Expourense durante toda a xornada do xoves 18 de maio con horario comprendido entre as 9:30 horas e ata as 19.00 h. Está aberto xa o prazo de inscrición para asistir como público e as entradas poden adquirirse a través da web. A asistencia é gratuíta previa inscrición, aínda que se inclúe ademais un pase Premium de 25 euros que permite o acceso ao networking posterior ao evento e o xantar cos relatores.

Programa Inspiro

Artigos relacionados

Back to top button