DeportesÚltima hora

A III Carreira de Vilamartín contra o cancro de páncreas será virtual

Terá lugar en torno ao 19 de novembro e o seu lema será "É o momento de ganarlle ao cancro páncreas"

Participantes na pasada edición da Carreira do Cancro de Páncreas de Vilamartín./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Pese á situación actual de pandemia, a organización da Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas de Vilamartín tomaba a decisión de continuar e de celebrar a súa terceira edición. Iso si, adaptándose ás circunstancias actuais e optando por unha proba virtual. Así o veñen de anunciar a través dunha nota de prensa.

“Na actual situación de pandemia na que os eventos e reunións multitudinarias non son aconsellables, pero o cancro de páncreas segue afectando á sociedade, a investigación debe continuar polo que nos adaptamos para seguir correndo contra o cancro de páncreas, para financiar investigación e concienciar á sociedade do devastadora que é esta enfermidade”, sinalan as promotoras valdeorreses deste evento, xunto a AESPANC e ACanPan.

A carreira, que conta coa colaboración do Servizo de Dixestivo e da Unidade de Páncreas da área sanitaria ourensá, celebrarase os días próximos ao 19 de novembro; Día Mundial do Cancro de Páncreas. Para ela estase desenvolvendo unha aplicación personalizada da proba que haberá que descargar unha vez feita a inscrición para poder participar. A inscrición realizarase como sempre dende a web carreracancerpancreas.es.

A consolidación deste evento, cuxo lema será este ano “É o momento de ganarlle ao cancro páncreas”, axuda a impulsar a investigación en cancro de páncreas, “xa que un maior coñecemento de como actúa este tumor e unha mellora no diagnóstico temperán son esenciais para mellorar a taxas de supervivencia dos pacientes”, din dende a organización. O recaudado neste evento deportivo destinarase a proxectos de investigación contra o cancro de páncreas.

A Carreira contra Cancro de Páncreas de Vilamartín é unha iniciativa promovida por tres veciñas de Valdeorras que, hai tres anos, decidían crear un proxecto solidario e deportivo para homenaxear un familiar falecida por cancro de páncreas e tamén para axudar a outras que sofren ou poden chegar a ter a súa mesma enfermidade.

Artigos relacionados

Back to top button