A arqueoloxía centraba boa parte das sesións deste domingo nas Xornadas do 80 aniversario da Federación de Guerrillas de León-Galicia, que se desenvolvía nesta fin de semana na localidade berciana de Carucedo. Falábase da importancia arqueoloxización da guerrilla, da súa entrada no ámbito académico, das paisaxes da memoria e da patrimonialización do material ligado aos guerrilleiros. Tamén da relevancia das exhumacións de combatentes e enlaces e do enfoque interdisciplinar da arqueoloxía do conflito da man de antropólogos/as e historiadores.
O primeiro en intervir era o arqueólogo Carlos Tejerizo-García, que expoñía o labor desenvolvido ata agora polo colectivo Sputnik Labrego arredor da Cidade da Selva, os campamentos da guerrilla antifranquista nos montes de Casaio (Carballeda de Valdeorras) nos que se estima que viviron de forma estable unhas 60 persoas entre 1941 e 1946.
Despois o arqueólogo lucense Xurxo Ayán, que era presentado por Paco Macías, responsable de Edicións Positivas (entidade organizadora das xornadas xunto a Sputnik Labrego); abordaba a importancia da arqueoloxía da guerrilla na Península Ibérica, un proceso que se iniciaba no 2016 en Repil (Monforte de Lemos). Ata ese momento o “discurso seguía a ser feito polos historiadores/as e isto foi a mudanza e o cambio”, resaltaba. A partir de Repil a actividade arqueolóxica vinculada á guerrilla foise espallando con diferentes actuacións e investigacións en España, pero tamén en Portugal, como é o caso de Cambedo da Raia no 2018.
Este investigador encetaba a súa intervención cunha cita de Emilio Silva, cofundador da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica, do ano 2020: “Los objetos son astros inmóviles de un anticielo, pequeñas estrellas que permanecen muertas mientras siguen ocultas; metralla biográfica que escapó a los ojos de los asesinos, o que cayó de sus bolsillos, que codiciaban mucho más que desaparecer vidas. Nitrato de plata con formas, colores, usos y nombres esperando a que la luz revele su existencia, que no fue siempre subterránea, que no fue siempre opaca, ni apresada en el subsuelo, que no fue siempre“.
A partir de aí, Xurxo Ayán enfiaba a súa exposición apoiándose en sete obxectos vinculados coa guerrilla e seguindo o seu rastro, “nunha sorte de pequena histiografía de como chegamos ata aquí”. O primeiro deles, moi cercano, era o cuchilo de Repil que formaba parte dos útiles de matanza da súa familia, “un artefacto simbólico que me abraiou desde que teño uso de razón”. Atopárao o seu pai Xulio, quen llo regalou a seu padriño Vicente e este ao propio arqueólogo.
A de Repil, dicía Ayán, “era unha paisaxe abandonada pero que estaba gravada a lume no imaxinario coleitivo” e cando comezou a interesarse e a investigar sobre ela “atopeime cunha memoria confinada na cerna da familia, rezumando desconfianza a medo. Á partir desa tradición oral, puiden acceder a unha bibliografía inzada de panfletos, textos revisionistas e memorias de represores e guerrilleiros”. Foi a partir deste cuchilo como este investigador daba o salto da arqueoloxía “da Idade do Ferro á do pasado contemporáneo”.
Despois falaba do mosquetón do Foucellas, do par de botas que levaba Perfecto de Dios cando foi asasinado, da “modesta e humilde cociña de dona Teresa (en Repil), coa súa lareira, o seu poio, a súa lacena, o seu forno…” e do revólver atopado nas escavacións de Sputnik Labrego na Cidade da Selva en Casaio, e cuxo descubridor foi, segundo matizaba Ayán, o historiador Alejandro Rodríguez; ou do cepillo de dentes coronel Benito.
Ayán aportaba ademais “algunhas claves de por qué a recuperación da cultura material da guerrilla ten un impacto mediático enorme que contribuíu a que, entre moitas cousas, exista unha Lei de Memoria Democratica dende hai un par de meses”.
O programa destas Xornadas sobre o 80 aniversario da Federación de Guerrillas de León-Galicia concluía cun relatorio de Laura M. Panizo sobre as “Fosas da guerrilla. Exhumación de guerrilleiros e enlaces no Bierzo e Galicia”. A primeira exhumación con metolodoxía científica levábase a cabo en Priaranza do Bierzo no ano 2000, a partir de aí a antropoloxía forense xunto a arqueoloxía permitían reactivar a investigación, o coñecemento e a difusión social e mediática desta parte da historia recente.
Fotos: Carlos G. Hervella.