ConcellosMontederramoÚltima horaVilariño de Conso

A iniciativa turística “Coñece e saborea” recala en Montederramo e Vilariño de Conso

 

Fin de semana intensa no proxecto “Coñece e saborea”, que busca promocionar o territorio do GDR Sil-Bibei-Navea. O pasado sábado este programa recalaba en Montederramo. Nunha ruta circular de 10 km, os participantes na iniciativa visitaban o bosque de bidueiros máis ao sur de Europa, coñecían a orixe glaciar da serra, identificaban algúns cumios visibles e descubrían curiosidades do resto das árbores que conforman o bidueiral: acivros, cancereixos, abeleiras… Tamén pisaron os mesmos camiños polos que Manuel Blanco Romasanta, o coñecido como “lobo da xente” de Allariz, perpetrou algúns dos seus crimes. A degustación tivo lugar en Casa Elvira, cunha gran variedade de pratos de Montederramo: bica, ternera, queixo de cabra e repetiron as shiitakes de Trives, todo bañado co viño da Teixeira Adega Vella.

Xa o domingo, esta iniciativa chega ás terras do municipio de Vilariño de Conso, onde tamén se realizaba unha ruta de 10 km, tamén circular, polo val do Cenza, identificando os vestixios claros do glaciarismo que se aprecian na zona. Os visitantes estaban acompañados por unha persoa de Chaguazoso que gustosamente contou orixe e historia da súa aldea.

Ademais coñeceron a morrena de Chaguazoso, unha das máis importantes de Galicia e o foxo do lobo desta mesma localidade, un dos tres documentados polo de agora en todo o mundo con forma de cruz.

A degustación estivo organizada polo propio Concello máis o albergue de Vilariño, onde tivo lugar. Alí os asistentes recibiron a visita dun Boteiro, a figura tradicional do Entroido deste municipio e saborearon o cabrito, a mermelada de arandos, queixos, embutidos, bica e empanadas de produtores locais ademáis dun delicioso e calórico montonico, postre típico de Vilariño de Conso, perfecto para repor forzas.

 

 

E todo isto maridado todo cun viño do Bibei, Refugallo, que resultou unha grata sorpresa para os participantes. Nesta ocasión, a organización da degustación contou tamén cun punto de venta dos produtos que alí se probaron que tivo unha gran acollida por parte do público e resultou un éxito. Ademais o Concello ofreceu a posibilidade de que aquelas persoas que tiveran dispoñibilidade horaria puideran visitar o Museo Etnográfico de Vilariño.

A vindeira cita de “Coñece e saborea” terá lugar o domingo 18 de setembro en Chandrexa de Queixa.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button