EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A IV Velada dos Sentidos volverá o 2 de xullo aos xardíns de Godeval en Xagoaza (O Barco)

Imaxe dunha edición anterior da “Velada dos Sentidos” de Godeval./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A adega valdeorresa Godeval, situada en Xagoaza (O Barco), reactivará neste verán a súa “Velada dos Sentidos”. Despois do parón pola pandemia xa teñen todo en marcha para esta actividade na que se combina música, viño, comida e cócteles nos xardíns da adega. O día 2 de xullo será a data marcada para a cuarta edición deste evento coa música do cantante, Zenet, como protagonista da velada. Un artista que fará sentir a súa música a través dunha das voces máis suxestivas do panorama musical español.

As entradas para asistir a este evento estarán á venda na sede da adega en Xagoaza (O Barco) ao prezo de 20 euros a partir do día 8 de xuño e ata o día 28 de xuño. Tamén se poderán adquirir na web da adega www.godeval.com e na tenda de música Ton y Son do Barco.

Os membros do Club de Amigos de Godeval terán un prezo especial e as súas entradas só se venderán na adega presencialmente, no correo amigosdegodeval@godeval.com e a través do teléfono 988108282.

O día 2 de xullo ademais de escoitar música nunha contorna única entre viñedos, os asistentes poderán comprar e degustar os viños da adega acompañados dunha variedade de tapas deseñadas por un restaurante de Valdeorras, finalizando con cócteles, cuxas receitas orixinais foron creadas por cocteleiros galegos de primeiro nivel e cuxa base principal serán os augardentes e licores, marca Mosteiro de Xagoaza.

Con este tipo de actividades, a adega valdeorresa quere continuar con este ciclo de concertos que empezaron no 2017 e poder levar á comarca ourensá de Valdeorras artistas que están a despuntar e aqueles que xa teñen unha traxectoria.

 

Artigos relacionados

Back to top button