A camiseta coa que xogaba (o número 3) enmarcada xunto a unha placa nunha das paredes do pavillón municipal de Calabagueiros, no Barco, lembra cada día a Jesús Carrera Carrera “Jess” o xogador do Pizarras Tres Cuñados FS falecido hai xa nove anos nun fatídico accidente de tráfico. Tal como reza a placa sempre formará parte do equipo e da familia deportiva de Valdeorras pero cada ano é especialmente lembrado co memorial que lle adican no marco das Festas do Cristo do Barco.
Nesta ocasión o IX Memorial Jess Carrera tiña lugar unha semana antes, na tarde deste domingo 6 de setembro, coma sempre en Calabagueiros, onde antes do amigable contra o CD La Bañeza, varios cativos da base do club entregaban un ramo de flores á nai de Jesús que, visiblemente emocionada e agradecida, seguía o partido dende a bancada.
Na pista, o irmán Bruno Carrera, aplaudía xunto ao resto do seu equipo e ao dos rivais da provincia veciña que tamén son amigos. Por iso, antes do reparto de campos por parte do árbitro, entregábanlle un ramo de flores ao propio Bruno en sinal de cariño.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.
Máis información e fotos:
O CD La Bañeza lévase o partido ante o Tres Cuñados FS no Barco en lembranza de Jess