ConcellosÚltima hora

A misa funeral polo bispo monseñor Eloy Tato será o venres no Barco

Natural de Viladequinta, Carballeda de Valdeorras, era o último bispo que quedaba vivo dos que tiñan participado nas 4 sesións do Concilio Vaticano II (entre 1962 e 1965)

Monseñor Eloy Tato Fidalgo./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Dende o Bispado de Astorga vén de informarse de que a a capela ardente do bispo monseñor Eloy Tato Losada, natural de Viladequinta (Carballeda de Valdeorras) e falecido onte 18 de xaneiro aos 98 anos, está no Tanatorio de Santa Rita, na localidade do Barco. A súa misa funeral terá lugar o venres 21 de xaneiro ás 12h. na igrexa de Santa Rita, tamén no Barco. Posteriormente, será inhumado no cemiterio da súa localidade natal.

Monseñor Eloy Tato Losada era bispo dimisionario de Magangué (Colombia). Nacido en Viladequinta (Carballeda de Valdeorras) era o menor de cinco irmáns. Estudou no Seminario de Astorga e foi ordeado sacerdote o 15 de xuño de 1946. Durante 6 anos exercía o ministerio parroquial na comarca de Valdeorras, en concreto na localidade de Alberguería e encargouse tamén das parroquias de Meda, Prada, Riomao, Corexido e Vilaboa, todas elas no municipio da Veiga.

O 8 de outubro incorporábase ao Seminario de Misións en Burgos e ao ano seguinte consagrouse definitivamente ao Instituto Español de Misións Estranxeiras. Logo foi enviado ao Vicariato Apostólico de San Jorge (Colombia) e foi nomeado profesor do Seminario Maior do Vicariato.

 

Monseñor Eloy Tato co bispo de Astorga./ Foto: Bispado de Astorga.

 

En maio de 1960, con 36 anos, foi preconizado bispo titular de Cardicio e viario apostólico de San Jorge, convertíndose no bispo máis xove do mundo. E cando Pablo VI creou a Diócese de Magangué, monseñor Tato foi designado como primeiro bispo da mesma, en abril de 1969. Nela traballou intensamente ata o 31 de maio de 1994, data na que foi aceptada a súa renuncia por motivos de saúde. A partir dese momento regresaba á súa aldea, onde seguiu apoiando á acción pastoral da zona.

Dende o Bispado de Astorga destacan que con el “fóisenos o último bispo vivo que quedaba e que tiña participado nas 4 sesións do Concilio Vaticano II” (entre 1962 e 1965). Para monseñor Eloy Tato supoñía unha experiencia inesquecible, tal e como contaba nunha entrevista concedida ao Periódico O SIL no ano 2012, con motivo do 50 aniversario dese concilio. “Á miña idade (tiña 38 anos)”, dicía, “fíxome moito ben. Non só o concilio, tamén o ambiente que había, as conversas dentro e fóra… era unha fonte de riqueza moi grande como bispo e como sacerdote”. Ata tal punto que resaltaba que ser padre conciliar ten sido “unha das gracias grandes que recibín de Deus, xunto con ser misioneiro, a parte de ser cristiano e sacerdote. Son catro columnas sobre as que se asenta a miña vida”.

 

Artigos relacionados

Back to top button