OurenseÚltima hora

A “Mobile Week” Ourense celebrarase do 19 ao 23 de novembro unindo tecnoloxía e innovación

O presidente da Deputación, Manuel Baltar.

 

Por vía telemática e en conexión con Barcelona e Selecta, celebrábase na mañá deste 5 de outubro a presentación nacional da Mobile Week Ourense 2021, un evento que segundo o presidente provincial, Manuel Baltar, “marcará a diferenza no noso territorio unindo tecnoloxía e innovación para achegar a dixitalización á cidadanía, no marco do programa Provincia Intelixente polo estamos a apostar”.

Manuel Baltar, xunto con Mariano Gómez-Ulla, presidente da Rede Mundo Atlántico, e Carlos Grau, CEO de Mobile World Capital, presentaron unha cita que, do 19 ao 23 de novembro, reunirá na capital a especialistas e marcas que, a través de actividades públicas e gratuítas, achegarán á cidadanía as últimas innovacións tecnolóxicas, reflexionando ao mesmo tempo sobre como a transformación dixital pode mellorar a vida das persoas, de modo especial para reducir a fenda dixital nos colectivos máis vulnerables.

“Esta iniciativa, que dará visibilidade a Ourense neste ámbito durante o próximos tres anos, supoñerá un antes e un despois na nosa alianza coa vangarda, facendo partícipes ás ourensás e ourensáns da que podemos denominar como a gran festa da dixitalización”, dixo Manuel Baltar, que agradeceu e puxo en valor ter como colaboradores a Rede Mundo Atlántico, “aglutinando intereses empresariais tanto en España como en Portugal impulsando a cooperación público-privada”, e Mobile World Capital “desenvolvendo programas para a transformación da economía, a educación e a sociedade a través da tecnoloxía”.

 

 

Subliñou Baltar que esta alianza “avala a transformación pola que apostamos para prepararnos para o que vén, non para o que hai, unha anticipación que é a clave do noso goberno provincial á hora de converter a Ourense nun territorio ao que mirar”, citando como exemplos a presenza da Deputación en todos os foros nacionais e internacionais posibles “con capacidade de decisión e retos claros”; a chegada este mesmo ano da alta velocidade “que cambiará para sempre a competitividade do noso territorio”; o edificio Provincia Intelixente “coa concentración de emprego tecnolóxico máis alta do territorio; o Parque Tecnolóxico de Galicia, referencia de I+D+i do noroeste peninsular; o Centro Galego de Innovación da Formación Profesional, cofinanciado pola Xunta de Galicia; ou a inmediata celebración da ICC Week como certame da industria cultural e creativa.

Mariano Gómez-Ulla, presidente de Rede Mundo Atlántico, detallou as liñas mestras da Mobile Week Ourense 2021, en cuxas actividades e eixos temáticos contemplarase a idiosincrasia do territorio ourensán. Destacou a presenza de relatoras como Sandra Sinde, especialista en economía internacional e en innovación no ámbito público; Manuel Campo Vidal, director do Instituto de Comunicación Empresarial; Luís Garvia, doutor da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais ICADE Business School; ou Elena Vázquez Cendón, decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, entre outros expertos. Resaltou que “aquí e agora escribimos o primeiro capítulo dese futuro que aspira tamén a pechar as fendas dixitais. Desde hoxe, e durante o próximos tres anos, construiremos unha nova historia dixital para a sociedade ourensá, española e europea, con base no debate, o diálogo, a formación, a innovación, o emprendemento, a participación e a inmersión cultural”.

Artigos relacionados

Back to top button