CulturaCulturaÚltima hora

A mostra “A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía”, na praza España de Quiroga ata o 16 de setembro

 

Desde a tarde de onte pode verse na praza de España de Quiroga a exposición ‘A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía’ na que se repasa a historia sobre a restauración e musealización da Casa da Matanza de Padrón, onde Rosalía de Castro pasou os últimos anos da súa vida.

A historia da Casa de Rosalía é a historia dun logro colectivo como queda patente nesta exposición que na tarde de onte inauguraba a deputada de Cultura Iria Castro, o Alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, e os concelleiros Xosé Manuel Fernández Montes, Vicente Parra e Luis Manuel Arias.

A mostra formada por paneis inseridos nunha estrutura que evoca distintas estancias dunha casa, acolle reproducións de documentos, fotografías e textos  que repasan a historia da casa e do esforzo colectivo -de institucións culturais, intelectuais e persoas anónimas- que impulsou a súa apertura como museo en xullo de 1971, con achegas de miles de galegas e galegos, no país e no exilio.

Organizada pola Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Quiroga -producida pola Fundación Rosalía e comisariada por Pepe Barro, autor da última renovación museolóxica da Casa-Museo de Rosalía de Castro- fai un repaso pola historia desta Casa-Museo que se abriu ao público o 15 de xullo de 1971, en pleno franquismo grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración.

A mostra, que chega a Quiroga no marco dunha itinerancia promovida pola Vicepresidencia da Deputación que suma unha vintena de localidades, pódese visitar nesta praza ata o 16 de setembro. Iria Castro agradeceu o interese do goberno municipal por expoñer en Quiroga esta mostra que “contribúe a ampliar o coñecemento sobre Rosalía de Castro e sobre o proceso de creación da Casa da Matanza” e explicou que “a itinerancia da mostra  procura  a presenza na rúa e nos espazos comúns dunha autora que é referente cultural, pero tamén feminista e de compromiso social, como se fixo co mural homenaxe que loce na fachada da escola infantil”.

Pola súa banda, dende o equipo de Goberno de Quiroga valorouse a colaboración institucional e acóllese “con gran satisfacción esta mostra para coñecer toda a historia que agocha a hoxe Casa Museo de Rosalía, un lugar de encontro e cita obrigada para afondar na vida e obra da nosa escritora máis universal”.

Artigos relacionados

Back to top button