CulturaCulturaÚltima horaVídeos

A mostra “Castelao grafista (facsímile)” pode visitarse ata o 11 de febreiro na Sala ABANCA do Barco

E exposición está composto por uns 60 obras e organizada por Afundación, ABANCA e o Concello

 

Ata o vindeiro 11 de febreiro a Sala ABANCA do Barco de Valdeorras acolle a exposición “Castelao grafista (facsímile)”, da man de Afundación, o Concello do Barco e ABANCA.

A inauguración tiña lugar na mañá deste mércores 10 de xaneiro por parte da concelleira de Cultura do Barco de Valdeorras, Margarida Pizcueta; do coordinador de ABANCA en Ourense, Mateo Alonso; da coordinadora de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano; e do director da oficina de ABANCA do Barco, José Vicente García.

 

 

Tanto Pizcueta como Alonso animaron á poboación, do Barco e toda a comarca, a visitar e desfrutar desta exposición que xa leva percorrido un bo número de salas e chega agora ao espazo expositivo que ABANCA ten no Barco “e que o Concello pode utilizar grazas ao convenio que temos coa entidade”, dixo a concelleira, agradecendo a posibilidade de contar cunha exposición como a de Castelao “unha das figuras máis emblemáticas de Galicia non só a nivel cultural senón tamén político ou social”.

 

o coordinador institucional de ABANCA en Ourense, Mateo Alonso.

 

Mateo pola súa banda lembrou que a mostra está incluída no programa “Corrente Cultural”, enfocado á promoción de actividades culturais máis alá das sedes de Afundación. “Tamén se enmarca na iniciativa “Cultura por alimentos” que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Banco de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais”, dixo, convidando aos visitantes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao visitar a mostra.

 

 

Con respecto ao contido da exposición, reúne en torno a 60 facsímiles da Colección de Arte Afundación e debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, ademais de retratos fotográficos, caricaturas, debuxos e portadas de revistas. “Aquí vemos a un Castelao puro, non só ao coñecido coma caricaturista ou debuxante, senón todo o que é o fondo do artista, o político, a súa aportación social, o lado humorístico… Consideramos moi importante que as novas xeracións coñezan a este Castelao, por iso convidamos aos centros educativos a que veñan a visitar a obra e traballen a súa figura”, explicou Beatriz Fernández-Anguiano.

 

 

“Castelao grafista (facsímile)” pode visitarse os vernes de 18 a 20:30 horas; os sábados de 12 a 14 e de 18 a 20:30 horas; e os domingos de 12 a 14 horas. Ademais, tamén se poderán concertar visitas guiadas para grupos no teléfono 988 320 202.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button