ConcellosQuirogaÚltima hora

A Mostra do Aceite de Quiroga volverá o 30 de maio con estritas medidas sanitarias

Celebrarase novamente en Bendilló e aconséllase pedir cita previa para poder acceder ao recinto feiral

Demostración de elaboración tradicional de aceite nunha edición anterior desta mostra quiroguesa./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Logo dunha paréntese dun ano sen poder celebrararse, por mor da pandemia do Covid-19, o vindeiro 30 de maio o lugar das Farrapas en Bendilló (Quiroga) volverá acoller a Mostra do Aceite. Pero a 21ª edición desta exaltación do aceite quirogués será diferente e adaptada a unhas normas sanitarias decretadas polas autoridades competentes na Covid, o que implicará cambios na súa organización.

“Trátase dunha mostra cunha normativa adecuada que cumprirá as normas sanitarias decretadas polas autoridades competentes en cada momento, pero co mesmo atractivo e servizo de anteriores edicións. Cumprindo co compromiso do goberno municipal de non deixar de organizar cousas para que veciños e visitantes, sempre con sentidiño, poidan participar dun dos atractivos turísticos do municipio”, tal e como destaca o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez.

Os asistentes a esta celebración, recoñecida como Festa de Interese Turístico Galego, poderán seguir desfrutando da posta en funcionamento do muíño de aceite tradicional, adquirir o aceite de oliva virxe extra que se produce en Quiroga e mesmo comer no recinto feiral, pero todo supeditado a unhas normas de control de persoas en todo o recinto feiral.

A mostra poderá visitarse dende as once e media da mañá ata as dúas do mediodía. Para poder acceder ao recinto da mostra non é obrigatoria a reserva de cita previa, “pero si terán preferencia de entrada os que reservaran previamente”, destacan dende o Concello de Quiroga.

Para concertar cita previa hai que chamar ao teléfono 982.43.51.25. Con este servizo de cita previa garantirase que en cada hora (duración de cada visita) non haxa máis de 200 persoas en todo o recinto feiral.

As normas sanitarias que rexan no momento da celebración desta Mostra do Aceite cumpriranse “con orden e disciplina”, segundo recalca o alcalde de Quiroga, o que non impide que se poida poñer en marcha novamente o muíño de aceite tradicional e se abra o recinto feiral deste produto típico de Quiroga que segue loitando pola súa Denominación de Orixe.

Artigos relacionados

Back to top button