ConcellosÚltima hora

A mostra “Florencio Delgado Gurriarán. Bebedeira de ensoños” inaugurarase mañá no Barco

Está comisariada por Ricardo Gurriarán e poderá visitarse no Teatro Lauro Olmo da vila

 

A Editorial Galaxia produce para a Xunta de Galicia, baixo o comisariado de Ricardo Gurriarán, familiar do persoeiro recoñecido en 2022 co Día das Letras Galegas, a exposición “Florencio Delgado Gurriarán. Bebedeira de ensoños”. A súa inauguración está prevista para mañá 4 de maio ás 19h. no Teatro Lauro Olmo do Barco.

Con carácter informativo e didáctico, divídese en 15 paneis explicativos que percorren a vida e a obra de Florencio Delgado Gurriarán, e unha selección de obxectos persoais do autor, cedidos pola familia para esta exposición.

Os paneis repasan a traxectoria vital e biográfica do autor homenaxeado, permitíndolle ao espectador asistir a unha rápida viaxe, rigorosa e amena, para comprender quen foi, que nos deixou e que implica a figura de Florencio Manuel Delgado Gurriarán.

Por outra banda, o acceso a unha selección de obxectos persoais do escritor, expostos en mesas-vitrina, como cartas con persoeiros do seu tempo, como Otero Pedrayo ou Castelao; borradores de poemas, que logo remataron nos seus libros, publicacións orixinais, que permitirá un achegamento máis completo para comprender a súa figura e obra literaria.

A mostra comeza a súa itinerancia en maio e deterase no Barco de Valdeorras, Ourense e Santiago.

Esta iniciativa súmase ás publicacións da autoría do homenaxeado, coas que Galaxia contribúe no labor dar a coñecer máis o seu imaxinario persoal: “Bebedeira”, “Galicia infinda”, “O soño do Guieiro” ou a, recentemente publicada, “Antoloxía poética”, en edición de Débora Álvarez Moldes e Margarida Pizcueta Barreiro. Ao mesmo tempo que os libros “Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio. Antoloxía poética”, de Xesús Alonso Montero e “Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista”, de Ricardo Gurriarán, publicado orixinalmente en 1999 e agora recuperado por Galaxia.

Estas obras, completan a aproximación á vida e obra do poeta, xunto con “Florencio Manuel Delgado Gurriarán. Un legado infindo”, publicado na colección Lectura Fácil, da autoría de Lucía Gómez Álvarez.

Artigos relacionados

Back to top button