CulturaCulturaÚltima hora

A mostra fotográfica “Nós tamén fomos emigrantes”, na Casa da Cultura de Viana dende o 4 de novembro

Esta mañá asinábase un convenio entre Abanca, Afundación e o Concello de Viana do Bolo para traer a exposición, que poderá visitarse durante un mes

 

Abanca, Afundación e o Concello de Viana do Bolo asinaban na mañá deste 24 de outubro un convenio de colaboración cultural mediante o cal as tres entidades levarán a cabo a exposición “Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española non século XX”, que se poderá contemplar desde o 4 de novembro ata o 4 de decembro na Casa da Cultura de Viana do Bolo. Á sinatura asistiron o alcalde do Concello de Viana do Bolo, Andrés Montesinos; o coordinador institucional de Abanca en Ourense, Mateo Alonso San Román; e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano.

Esta colaboración forma parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a “arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de Abanca, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística máis aló das súas sedes e trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade”, din dende a entidade bancaria.

 

 

A exposición consiste nunha selección de corenta fotografías da emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE. O obxectivo é o de tratar de achegar ao público a esa realidade histórica a través dunha síntese fotográfica das migracións mediante a mirada profesional e humana dos fotoxornalistas da época. É a historia de “millóns de españois que tiveron que abandonar a súa terra para sobrevivir”, en palabras de Miguel Ángel Gozalo, director da Axencia EFE entre 1996 e 2004.

Back to top button