
Tras pasar por Vilamartín, a exposición adicada ao atleta Luis Nogueira, “O seu destino era chegar a ser o que foi”, recalará agora no Barco. O vindeiro día 12 de setembro, ás oito da tarde, inaugúrase na sala Abanca desta vila, onde poderá visitarse ata o 12 de outubro.
A mostra percorre, a través de imaxes e obxectos persoais, a figura de Nogueira, que ademais ser un coñecido atleta de San Vicente de Leira (Vilamartín de Valdeorras), “era afeccionado á lectura, á escritura, á fotografía, amante da súa terra, da natureza, de conectar coa xente… De todas estas experiencias proceden as fotos e os escritos que se amosan na exposición e que pretenden reflectir o seu modo de ser e vivir. Faráse un percorrido pola súa vida e poderémonos achegar a algúns obxectos persoais ou a elementos que empregaba nas súas competicións”, adiantan os promotores da mostra.