OurenseÚltima hora

A música de Guadi Galego, entre as propostas do Concello de Ourense para conmemorar o 25-N

O programa para celebrar o Día internacional contra as violencias de xénero 2019, inclúe teatro documental, conferencias, obradoiros e contacontos

Guadi Galego nunha actuación no Barco de Valdeorras. /Foto: Ángeles Rodríguez.

 

Teatro documental con Iria Piñeiro, música con Guadi Galego, exposicións de fotografía, contacontos, obradoiros e unha conferencia de Iria Vázquez Silva, son algunhas das propostas organizadas polo Concello de Ourense para conmemorar o 25 de novembro, Día internacional contra as violencias de xénero 2019.

A programación inclúe propostas tanto para as persoas adultas como a mocidade ou a infancia, marcándose como obxectivo “poñer de manifesto os diferentes ámbitos nos que se manifesta a violencia de xénero, que non é só o da parella senón tamén moitos outros, como o institucional”, en palabras da concelleira de Igualdade, Eugenia Díaz. Nos actos programados terá lugar a presentación, o día 25, dunha diagnose sobre o hábitat e a convivencia igualitaria na cidade de Ourense por parte de Silvia Pérez Freire, socióloga experta en xénero. O lema da programación é Vivas e Ceibes! e a imaxe da campaña é unha creatividade de Patricia Joga.

As actividades comezarán o xoves, 20 de novembro, con teatro: Anatomía dunha serea da compañía Chévere e protagonizada por Iria Pinheiro. Será ás 20h. no Teatro Principal. A entrada é de balde e as invitacións poderanse recoller unha hora antes no despacho de billetes.

 

Presentación do programa do 25-N.

 

Ese mesmo día, desenvolverase Nós contra a violencia, actividade coorganizada coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, en colaboración co Servizo de Normalización Língüística do Concello de Ourense, con 3 accións para diferentes públicos: A igualdade conta (contos do dereito e do revés), sesión de contacontos a cargo de Raquel Queizás, dirixida a crianzas de 4 a 9 anos, de 19 a 20 na Concellaría de Igualdade; Voces violetas, obradoiro dirixido a membros das ANPA destinado a fomentar a educación en igualdade, coa relatora: Eva Mejuto, de 9 a 21h. na mesma concellaría; e Danza contemporánea para a igualdade, obradoiro que emprega a música, a palabra e a expresión corporal para propoñer formas de relación afastadas de prexuízos sexistas. Participa alumnado de 1º de BAC do IES O Couto. Será neste instituto a cargo da monitora Eli Ríos, con 2 sesións, ás 8:30 e 11:30h.

O día 25 será o acto institucional, ás 12h. no salón de plenos do Concello; así como a presentación do libro “Diagnose do hábitat e da convivencia igualitaria na cidade de Ourense”, a cargo de Silvia Pérez Freire, socióloga experta en xénero, ás 20h. no Centro Cívico da rúa Colón. E xa o día 28 Guadi Galego, dará un concerto para presentar o seu novo traballo discográfico Immersión, ás 20h. no Teatro Principal. Entrada de balde (recollida de invitacións unha hora antes no despacho de billetes).

 

 

Artigos relacionados

Back to top button