Aínda que Joaquín Rodrigo logrou a fama universal por algunhas das súas obras para guitarra e orquestra (e en primeiro lugar, polo seu Concierto de Aranjuez), o compositor era un excelente pianista, e a súa esposa Victoria Kamhi tamén o era, como alumna distinguida de Lazare Levy. Non é pois nada estraño que o catálogo pianístico de Rodrigo sexa abundante e que percorra practicamente toda a súa vida de compositor, desde 1922 (a súa primeira obra, hoxe perdida, é para piano) a 1987, cando data as súas últimas obras, entre elas o Preludio de añoranza. 65 anos de actividade constante e moi frutífera, un dos eixos fundamentais de toda a súa obra.
O propio mestre Rodrigo comentou que “precisamente empecei escribindo para piano, e ao longo dos meus anos de compositor achegueime sempre a este instrumento con gran agarimo, cunha gran devoción, e tratei de escribir sinxelamente, autenticamente o que sentín e o que el me permitiu expresar. Para min, tocar o piano é como rezar polas mañás”.
A música e a figura do compositor deixaron unha profunda pegada como artista e tamén como persoa en Sara Marianovich (pianista serbia afincada no Barco de Valdeorras, recoñecida pola crítica internacional como “a mellor intérprete das súas obras para piano”) que, na tarde deste sábado 5 de outubro lle rendía unha sentida homenaxe, en forma de concerto, polo 25 aniversario do seu falecemento, contando coa colaboración do Concello do Barco e da Fundación Victoria e Joaquín Rodrigo.
“Foi unha gran honra e privilexio coñecerlle e poder recibir os seus consellos ao redor da interpretación da súa música”, di Sara, explicando que as pezas para piano do mestre “son extremadamente difíciles polo que podo presumir de ser das poucas pianistas do mundo que se atreveu con toda a integral no 2001 cando se celebrou o primeiro centenario do seu nacemento”, dixo Sara sobre o escenario do Teatro Lauro Olmo.
A homenaxe abríase pois cunha breve intervención por parte da propia pianista e a continuación proxectábase un vídeo cunha parte dun discurso de Cecilia Rodrigo, filla do compositor que adoita acompañar a Sara nos seus concertos en España “aínda que hoxe non pode estar aquí”.
E sen máis dilación o programa musical comezaba con “Cuatro piezas para piano” (1938): Caleseras (Homenaje a Chueca), Fandango del ventorrillo, Plegaria de la Infanta de Castilla e Danza Valenciana. Despois interpretaba “A l’ombre de Torre Berneja (1945)“; para continuar con “Cuatro estampas andaluzas” (1946-1952): El vendedor de chanquetes, Crepúsculo sobre el Guadalquivir, Seguidillas del diablo e Barquitos de Cádiz. Finalmente o concerto remataba con “Tres Evocaciones” (1981): Tarde en el parque, Noche en el Guadalquivir e Mañana en Triana.
Este concerto forma parte da xira internacional dedicada ao Mestre Rodrigo, que iniciaba o día 19 de xaneiro deste 2024, na Real Academia de Belas Artes de San Fernando en Madrid, da que Rodrigo foi membro e que continuará en Serbia e Montenegro, coincidindo coa celebración da Festa Nacional de España.
Fotos e vídeos: O SIL.