PolíticaÚltima hora

A nacionalista María Albert leva ao Parlamento galego “a falta de especialistas no HPV”

Ademais a parlamentaria ruesa lembraba que hai 15 días "máis de 4.500 persoas do Distrito Sanitario de Valdeorras participaron na mobilización pola defensa do seu Hospital e dos seus servizos sanitarios"

A deputada do BNG, María Albert, amosando no Parlamento galego a cita para traumatoloxía en decembro do 2022 no HPV./ Cedida.

 

A través dunha pregunta ao conselleiro de Sanidade, a deputada ruesa do BNG, María Albert pedía no Parlamento de Galicia esta mañá cubrir as prazas de especialistas en radiodiagnóstico e traumatoloxía no Hospital Público de Valdeorras.

Na súa intervención, Albert lembraba que hai quince días “máis de 4.500 persoas do Distrito Sanitario de Valdeorras participaron na mobilización pola defensa do seu Hospital e dos seus servizos sanitarios. Loitan polo seu dereito básico á sanidade pública ante o que é un abandono premeditado, sistematizado e planificado por parte da Xunta de Galiza do que foi unha área sanitaria punteira en moitos aspectos no seu momento”.

A deputada recriminaba ao goberno galego deixar “a 30.000 persoas sen o dereito básico á saúde, e hoxe, queremos traer á Cámara galega a falta de traumatólogos e radiólogos no Hospital Público de Valdeorras” e facémolo, subliñou, “sen perder de vista a problemática estrutural que afronta a sanidade pública no distrito”.

María Albert falaba tamén da “eliminación de servizos asentados” entre os que destacou, “a falta de persoal médico en cardioloxía, uroloxía, dermatoloxía ou médicos e medicas rehabilitadores ao que sumou a falta de matronas, xinecólogas, dunha base do 061, ambulancias medicalizadas e agora cun servizo de medicina interna ao 50% dos seus recursos”.

Así mesmo a parlamentaria nacionalista cualificaba de “vergoñento o desmantelamento sanitario que o PP nega por activa e pasiva, disfrazando a realidade de propaganda. Pero é difícil impor a publicidade cando é a saúde das persoas a que se ve afectada”.

Cita para traumatoloxía no mes de decembro do ano 2022

Tras a intervención do titular de Sanidade, que anunciaba que os servizos serán cubertos con rotacións de facultativos, a deputada do BNG amosaba unha fotografía dunha cita médica para traumatoloxía no “mes de decembro do ano 2022” expedida hai dous meses e preguntou “se a solución era trasladar a un traumatólogo de León para facer consultas os martes e xoves pola tarde”.

“Vostedes”, sinalaba a deputada do BNG, “non teñen vontade política para solucionar os problemas do distrito de Valdeorras porque de seren así, incentivarían as prazas” e lamentou que, “unha vez máis, o conselleiro non formulara un compromiso real para dotar de prazas o Hospital e ofrecer unha atención sanitaria de calidade á cidadanía da comarca de Valdeorras”.

Artigos relacionados

Back to top button