A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de informar da licitación neste 11 de marzo da execución das obras de renovación da avenida do Bierzo, no núcleo urbano do Barco de Valdeorras, unha actuación coa que se busca “mellorar a accesibilidade e humanizar esa contorna”.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica o inicio da contratación desta actuación por un importe de máis de 780.000 euros. As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 6 de abril para presentar as súas ofertas.
Esta actuación conta cun prazo de execución de 8 meses e suporá un investimento total da Xunta de preto de 815.000 euros, tendo en conta a reposición dos servizos afectados. A previsión é poder empezar a acometer os traballos no verán.
“Actuarase nos primeiros 655 metros da estrada autonómica OU-622, o treito da vía cun carácter máis urbano, para reforzar a seguridade e facer máis humana e accesible a súa contorna. Para conseguir este obxectivo, mellorarase a accesibilidade nas pontes situadas no inicio da estrada autonómica: do punto quilométrico 0+000 ao 0+200, para salvar a vía ferroviaria; e do quilómetro 0+275 ao 0+290, para salvar o río Cigüeño”, tal e como informa Infraestruturas.
Ademais, incrementarase o ancho da beirarrúa na marxe esquerda, “na medida en que sexa posible, coa fin de mellorar a mobilidade para o tránsito peonil dos veciños, así como a accesibilidade aos edificios localizados na zona, que na actualidade dispoñen de accesos con importantes desniveis. Tamén a partir do punto quilométrico 0+320 e ata o 0+655 ampliarase o ancho das dúas beirarrúas”, indica a consellería.
Ademais, reordenaranse os usos da avenida do Bierzo no seu treito central, en canto ao tráfico peonil, de vehículos e zonas de estacionamento.
Este proxecto do departamento que dirixe Ethel Vázquez persegue a mellora das condicións de seguridade viaria no contorno do colexio Divina Pastora, así como nas rutas de chegada dos cativos ao colexio, distanciando o tráfico rodado da zona de tránsito.
Destaca na actuación a renovación das infraestruturas de abastecemento e saneamento que discorren por ambas as marxes e que presentan un grado de deterioro importante debido ao paso do tempo.
Neste sentido, e tendo en conta que se levarán a cabo melloras de servizos que son de competencia municipal, como o saneamento, o abastecemento, a iluminación e a semaforización, a Xunta solicitou “a implicación do Concello, que se comprometeu a asumir a titularidade do treito, unha vez finalizados os traballos”.