EconomíaEconomíaÚltima hora

A Oficina de Dinamización Turística do Barco abre un espazo para a promoción de produtores da zona

Baixo o lema ´Descubre a que sabe Valdeorras´ o proxecto busca dar a coñecer os mellores produtos de Valdeorras e a súa contorna

Exterior da Oficina de Dinamización Turística do Barco. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

A Oficina de Promoción de Produtos Tradicionais e Dinamización Turística do Barco de Valdeorras conta desde agora cun espazo físico como escaparate dos mellores produtos da comarca e a súa contorna. Trátase dun proxecto para a promoción tanto dos produtos como dos produtores, que teñen deste xeito un punto no que dar a coñecer o froito do seu traballo.

Tal como explican dende o Concello, a iniciativa nace baixo o lema “Descubre a que sabe Valdeorras” xa que, ademais da exposición, tamén se ofrece degustación dos produtos. “Na oficina non vendemos nin comerciamos, e temos claro que esta non é unha tenda de venda, pero a cata ou degustación dos mesmos axuda a que a xente se anime a coñecer mellor estes produtos” explica o concelleiro de Turismo, Eladio Santos. Así, na oficina non se venderán os produtos expostos, pero si porán en contacto ás persoas interesadas cos produtores e as súas canles de venta.

 

Produtos tradicionais na oficina.

 

A promoción de produtos no escaparate da Oficina de Promoción Turística do Barco irase facendo por orde de entrada da aceptación dos produtores á proposta enviada desde a oficina para ofrecer o espazo, amosando o seu interese en expoñer. “A idea inicial foi dunha produtora que insinuou a posibilidade de que os produtores da zona puidesen expoñer os seus produtos, e materializouse co apoio á iniciativa por parte do Concello do Barco e do Eixo Atlántico”, explican dende o Concello barquense, asegurando que a resposta dos produtores “é moi boa, e polo de agora cóntase coa aceptación de seis deles, que poderán ter os seus produtos durante 15 días cada un”, estando o espazo  cuberto ata o mes de maio.

Para o concelleiro de Turismo e Promoción Económica “a ubicación da nosa oficina, en pleno centro do Barco, é o lugar idóneo para este escaparate, xa que moita xente pasa por diante da oficina cada día, e de seguro que será positivo para todos os produtores”.

Artigos relacionados

Back to top button