ConcellosO BarcoÚltima hora

A ONG Igaxes presentará no Barco o seu programa para que mozos tutelados poidan ter un futuro na comarca

O acto terá lugar mañá, venres 18 de marzo ás 21 horas, durante unha cea no Pazo do Castro

 

Iniciar un proxecto de vida en zonas non urbanas é complicado para calquera persoa nova, “pero a situación resulta aínda máis difícil cando falamos de mozos e mozas que saen do sistema de protección sen unha rede de seguridade detrás”, aseguran dende Igaxes, a ONG que traballa polos dereitos da infancia e a xuventude en situación vulnerable en Galicia e que vén de poñer en marcha un novo programa para  “brindarlles o apoio que precisan para que poidan construír un futuro no Barco de Valdeorras”.

“Para iso”, din dende Igaxes, “é fundamental que poidan atopar un emprego na área”, polo que mañá, venres 18 de marzo realizarán unha cea de presentación do programa para que os empresarios e empresarias locais poidan coñecer o proxecto de primeira man e así propiciar a inserción laboral da mocidade en risco e fixar poboación na zona. O acto terá lugar no Pazo do Castro ás 21h, e nel intervirán representantes da organización; o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta, Jacobo Rey Vázquez; o alcalde do Barco, Alfredo García; así como mozos e mozas participantes, que contará a súa experiencia de primeira man.

Tal como avanzan dende Igaxes, a ONG xa traballa na comarca de Valdeorras para “identificar oportunidades laborais que lles permitan a estes mozos e mozas quedar a vivir na zona Ademais, para que poidan desenvolverse con plenitude, brindaráselles apoio residencial e formativo, adaptando sempre as súas preferencias ás necesidades da poboación local”, indican, adiantando que tamén se fomentará que “estes mozos e mozas xeren vínculos coas persoas que habitan o territorio”. Para iso, contactarán co tecido asociativo, deportivo e cultural da zona, promovendo, deste xeito, que cultiven os seus intereses mentres coñecen a xente nova.

“Moitos destes mozos e mozas carecen dunha persoa maior na que confiar”, aseguran dende Igaxes que leva anos desenvolvendo o Proxecto Referentes para que teñan a alguén ao seu carón que os apoie. “Agora, este programa de voluntariado tamén se implementará para que os mozos e mozas de Valdeorras poidan xerar vínculos fortes e duradeiros no seu lugar de residencia”.

O proxecto, financiado pola Unión Europea e a Xunta de Galicia, ademais de no Barco de Valdeorras, tamén se desenvolverá nas áreas de Monforte e Chantada abarcando, deste xeito, o sur da provincia de Lugo e o norte de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button