“Sons uns orzamentos baseados na procura da eficiencia e eficacia na xestión municipal e acordes aos principios de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira”. Así presentaba o alcalde de Viana do Bolo, o nacionalista Secundino Fernández, a proposta de orzamento para o 2020 no pleno municipal que se celebraba na tarde do 3 de outubro, cun salón de actos municipal ateigado de público. “É un orzamento expansivo, que sobe en 210.438,33 euros con respecto ao do 2018, e que ascende a 2.944.738 euros”, engadía.
Dese total, uns 930.745,94 euros (o 31,6% do total) ían destinados a gastos de persoal, 1.413.974,64 euros (48%) a gastos correntes en bens e servizos, mentres que os investimentos reais supoñían uns 537.917,75 euros, que se destinaban para a aportación municipal ao “posible convenio coa Deputación e Endesa para o arranxo da estrada de San Agostiño” (300.000 euros), a pavimentación de rúas en Penouta, Pixeiros e Mourisca (100.000 euros), a reforma e acondicionamento do antigo Centro de Saúde de Viana do Bolo (66.917,75 euros) e á rehabilitación de locais sociais en Fornelos de Cova e San Mamede (70.000 euros), tal e como detallaba o rexedor.
Con respecto á estrada de San Agostiño, matizaba que o feito de que finalmente o Concello acepte a súa titularidade, “fronte ao que defendía o grupo de goberno vianés de que fose provincial, suporá ademais que logo teremos que facer o seu mantemento o resto do tempo, xa que nos comprometemos a quedarnos con esa vía”. E incidiu en que o primeiro reto que nos marcamos nestes catro anos foi “resolver dunha vez por todas a situación da estrada de San Agostiño” e ese “é un esforzo que economicamente quedaría plasmado no orzamento se se aproba”.
Secundino Fernández destacou tamén o incremento previsto tanto na axudas ás asociacións culturais do Concello como ás deportivas. “Penso que son uns orzamentos moi adecuados para arrancar a década do 2020 en Viana”, sinalaba ao remate da súa exposición.
Deseguido tomaba a palabra o portavoz do PSdeG-PSOE, Abelardo Carballo, quen anunciaba o voto en contra do seu grupo aos orzamentos porque “con nós non negociou absolutamente nada, chegou aquí e púxonos iso enriba da mesa. Vostede sabe que o primeiro punto do noso programa é o arranxo da estrada de San Agostiño e parece que está dicindo que a única forma de arranxalo é aprobando eses orzamentos e sabe que iso é mentira, vostede pode facer unha modificación de crédito”.
Tamén dicía Carballo que “nós xa lle propuxemos varias cousas cando intentamos negociar con vostedes para entrar no goberno e non tivo en conta ningunha delas, olvidouse dunha partida para aprobar o plan xeral de ordenación municipal. Nós queremos facer un parque empresarial como están facendo nos concellos veciños, estano preparando no Bolo, na Veiga, na Gudiña, en Vilariño de Conso. Nós tamén queríamos formar unha brigada cun tractor para limpeza e desbroce dos nosos pobos e os camiños, vostede non quere nin oír falar do tema e é moi importante, e queríamos facer un centro de día”.
Ademais o voceiro socialista aseguraba que “vostede habilita 50.000 euros para dietas e para os seus soldos, e se non se aprobaron hai dous meses eses soldos non se van aprobar hoxe se non se negocian uns orzamentos como Deus manda. Recórdolle que non ten maioría absoluta, que perdeu as eleccións e que se quere seguir aí teno que negociar todo, polo tanto, os orzamentos hoxe non tocan, ten que retiralos e sentarse a negociar”.
Nunha liña semellante se manifestaba o voceiro do PP, Andrés Montesinos, que sinalaba que “quedamos abraiamos cos orzamentos e coa progresión que houbo no goberno, o ano pasado eran 50.000 euros para a estrada de San Agostiño, cando agora mesmo xa son 300.000 euros, o progreso foi moi grande, e ¿por que antes non se podían aportar?”. Ademais lembráballe “que vostede está gobernando en minoría e un goberno en minoría non pode acadar acordos sen a oposición, á que vostede ningunea continuamente e o que pretende é chantaxearnos con este orzamento. Nós sabemos que hai máis dunha forma de financiar o arranxo da estrada e pode ser unha modificación orzamentaria e podemos acollernos aos plans provinciais”.
Montesinos concluía sinalando que “non estamos dacordo co seu orzamento e chámanos especialmente a atención os salarios do grupo de goberno”. Indicaba tamén que os veciños “poden estar tranquilos que esas obras que figuran aí, se vostede quere, pódense facer, tal e como se fixeron outras sen estar inicialmente nomeadas. Fale coa oposición”.
Ante as posturas amosadas polos grupos municipais socialista e popular, Secundino Fernández contestaba que “esa é a súa decisión” e recordaba que o actual orzamentado está prorrogado e “é o do ano 2018 porque no 2019 se votou en contra. Se non hai un orzamento, como non houbo, a partida de 50.000 euros que figuraba para a estrada é a que vai figurar porque así aparecía no do 2018, e as outras partidas económicas habería que seguilas igual que no 2018”.
O rexedor nacionalista falaba ademais dun “boicot ás contas públicas, o que significa é que non haberá orzamento e hai moitas axudas e subvencións que un dos requisitos que piden é ter aprobados os orzamentos municipais”. Dicía ademais non entender a postura da oposición porque estes orzamentos hai uns “15 días que están a disposición dos concelleiros dos dous partidos e o luns pasado houbo unha comisión informativa de contas con presenza dos tres grupos na que se podían facer propostas e ninguén propuxo absolutamente nada, nin o PSOE nin o PP”.
Secundino Fernández criticaba tamén a argumentación da oposición de que se van poder financiar obras como a estrada de San Agostiño sen orzamento aprobado. “Hai determinadas pautas que non se poden cambiar e cando tes un orzamento prorrogado, sobre todo no capítulo de investimentos, non podes agarrar e meter máis cartos así como así, iso non é viable nin é posible legalmente”. E mesmo chegaba a propoñerlle á oposición que, “se o problema era a partida de 50.000 euros de soldos e dietas do grupo do goberno”, que a cambiasen propoñendo outro destino, sen obter resposta.
Finalmente votábase o punto cun resultado de 4 votos a favor do BNG, 3 en contra do PP e 4 en contra do PSdeG-PSOE, quedando rexeitados os orzamentos.
A orde do día incluía ademais, entre outros puntos, algúns que se aprobaban por unanimidade como era o caso de dúas mocións presentadas polo PP e polo BNG solicitando o arranxo da estrada de San Agostiño, os festivos locais do 2020 (o 26 de febreiro Mércores de Cinza e o 17 de agosto) ou a conta xeral do 2018.
Nesta mesma sesión tomaba ademais posesión como concelleiro o socialista Santiago Barja, que prometía o cargo. Cubría así o baleiro deixado tras a demisión de Pablo Salgado.
Fotos: Carlos G. Hervella.