CulturaCulturaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

A palabra cantada enceta o “VII De Perto” no Barco

O Coro de Voces Brancas do Conservatorio e da Escola de Música do Barco actuaba na tarde do 5 de xuño na igrexa de San Xoán de Éntoma

Con música coral botaba a andar a sétima edición de “De Perto”, cun programa de once propostas moi diversas arredor da palabra “contada, rimada e cantada”. Na tardiña do 5 de xuño a igrexa de San Xoán de Éntoma acollía a primeira das actuacións deste ciclo que este ano reincorpora os grupos locais. Tratábase dun concerto do Coro de Voces Brancas do Conservatorio e da Escola Música do Barco.

Esta formación musical, que dirixe Begoña Alonso, formábase hai tres anos. Está integrada por alumnos con idades entre os 7 e os 15 anos. Xa ten actuado en concertos do conservatorio e da escola e en febreiro cantaba no Carballiño, pero esta era a primeira vez que se presentaba ante o público barquense fóra do seu centro de ensino.

 

No recital, no que estaban acompañados ao piano por José Romero, interpretaban pezas como “Seis cancións infantís” de Jesús Guridi, “La vida hermosa es” de Olga García Alvarez (profesora de composición do centro barquense), así como algún tema popular galego, brasileiro ou nipón. Incluíanse ademais composicións de bandas sonoras de filmes como “Los chicos del coro” ou “Frocen”.

A seguinte cita do “De Perto” será un concerto do Ensemble de Saxofóns, que dirixe Manuel Prada, o venres 7 de xuño ás 20:30h. na Igrexa de San Miguel en Xagoaza.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button