Mañá martes 29 de xaneiro entra en vigor a modificación da velocidade máxima en estradas convencionais, reducíndose de 100 a 90 km por hora en turismos e motocicletas. Na provincia de Ourense vense afectados 147 sinais en total. Das 14 cabinas de radar fixo instaladas no territorio ourensán, só afectará a unha, situada antes da travesía de Bentraces (pk 6 da OU-540), segundo informa a Subdelegación do Goberno en Ourense.
“Esta medida é importante porque, sobre todo nas vías convencionais, é onde temos as tres cuartas partes da accidentabilidade mortal e, polo tanto, esta medida pode axudar a baixar esas cifras, tendo só catro países da Unión Europea o límite 100 na actualidade nestas vías”, segundo dicía o xefe provincial de Tráfico en Ourense, David Llorente, no acto de cambio de sinalización, ao que tamén acudían o subdelegado do Goberno na provincia, Emilio González Afonso, e o xefe de Unidade de Estradas, Álvaro Rodríguez, entre outras autoridades. Tiña lugar no pk 248 da N-525, un dos tramos (Ourense-Cambeo) máis delicados en canto a accidentes.
Dende a Administración considérase necesario avaliar a finais deste ano o impacto a nivel nacional, autonómico e provincial da medida e amósanse convencidos de que “é útil e de que vai reducir a velocidade de circulación media nestas estradas, o cal, xunto cun control do novo límite axudará a conseguir un descenso da sinistralidade”.