Na mañá deste martes 22 de febreiro, o delegado territorial da Xunta en Ourense Gabriel Alén, desprazouse ata Vilariño de Conso para visitar, acompañado pola súa alcaldesa Melisa Macía, o remate das obras de pavimentación da Praza, na localidade de Castiñeira, que contaron cun investimento de máis de 54.000 euros por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Durante a visita, o delegado sinalou que “con este tipo de actuacións, dáse cumprimento ao reto do Goberno galego de acadar un urbanismo responsable e apostar pola recuperación das vilas e cidades, como parte da identidade de Galicia”. Ademais, lembrou que este tipo de colaboracións para poder intervir sobre equipamentos urbanos “tamén son un instrumento eficaz para axudar a frear o despoboamento do rural, xa que potencian as infraestruturas, os servizos e os equipamentos municipais e, en definitiva, melloran o benestar e a calidade de vida da poboación das vilas e cidades galegas”.
As obras en Castiñeira consistiron en diversas actuacións sobre unha superficie de solo rústico de 1.000 m2 para adecentar como espazo de recreo dos veciños. Deste xeito, procedeuse á demolición de tramos existentes con acabado de formigón ou asfaltado segundo os tramos, que estaban en mal estado de conservación, á pavimentación con formigón impreso con acabado para a manobra de autobuses e camións de servizo municipal, á creación das instalacións de saneamento, recollida de pluviais e canalización, ao bacheo de firme e rega asfáltica con dotación de 2 kg/m2 de emulsión, e ao estendido e compactado de nova capa de firme a base de aglomerado en quente de 5 cm de espesor, incluíndo rega de adherencia.
A obra no concello de Vilariño de Conso enmárcanse dentro do Plan Hurbe, un programa posto en marcha no ano 2010 pola Consellería de Medio Ambiente co fin de apoiar ás entidades locais na execución de todo tipo de proxectos e actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público.