CulturaCulturaÚltima hora

A peza teatral “Continente María” trae ao Barco a figura de María Casares no seu centenario

A obra, que se representará o venres ás 21h. no Teatro Lauro Olmo, está protagonizada por Melania Cruz, que vén de gañar na categoría de Artes Escénicas o Premio Cultura Galega 2022

Unha das escenas da obra./ Cedida.

 

O vindeiro venres 28 de outubro ás 21h. “Continente María” celebra no Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco de Valdeorras o Ano Internacional de María Casares. A obra dirixida polo ourensán Tito Asorey procura achegar ao público galego a traxectoria e o pensamento dunha actriz absolutamente rompedora na época que lle tocou vivir.

Melania Cruz, recentemente galardoada co Premio Cultura Galega 2022 na categoría de Artes Escénicas representa a María Casares, filla do presidente do Goberno na II República Casares Quiroga, que conqueriu a fama mundial dende os escenarios do exilio francés. Ao mesmo tempo, establece un diálogo con ela, realizando unha complexísima actuación que foi alabada pola crítica e polo público.

Ademais, Continente María é un espectáculo cunha gran dimensión musical no que ten cabida o trascendental e o anecdótico, o dramático e o cómico. O encargado de acompañar a Melania Cruz coa súa música en directo é o multi-instrumentista bielorruso Vadim Yukhnevich. Ao igual ca María Casares, Vadim abandonou o seu país de orixe, onde se formou como músico clásico no Conservatorio, e asentouse en Galicia tras percorrer toda Europa tocando na rúa.

O director da obra, Tito Asorey, explica que este espectáculo é “moi directo e moi acústico”, ademais “dun lugar con múltiples espazos e ventás, con moitísima forza, emoción e reflexión”.

“Continente María” é unha produción de Ainé e A Quinta do Cuadrante xunto co Centro Dramático Galego e o Concello da Coruña, cidade na que naceu María Casares e na que se estreou a obra o pasado abril. Tras pasar por Santiago, Cangas, Lugo e Arteixo, o espectáculo chega ao Barco de Valdeorras antes de continuar o percorrido por Galicia. As demais funcións xa confirmadas desta xira e a venda de entradas está dispoñible na web continentemaria.gal.

Artigos relacionados

Back to top button