Tal e como estaba previsto, na tarde deste domingo 19 de xaneiro pechábase o programa cultural da XXIII Festa do Botelo co concerto de Budiño no Teatro Lauro Olmo, no Barco de Valdeorras.
Diante dun animado público, o músico presentaba o seu último disco, Branca Vela. Un espectáculo en directo alegre e potente para bailar combinando ritmos, instrumentos e percusións tradicionais coa vangarda electrónica e videocreación que converten o concerto nunha experiencia exclusiva e irrepetible. O son da gaita, a guitarra, o acordeón, a percusión tradicional e os arranxos electrónicos enchían un escenario no que Budiño estivo acompañado pola música e as voces de Inés Salvado, Tania Caamaño, Fran Barcia e Andrés Boutureira.

E dentro do novo repertorio de Budiño está a canción Tradi, unha celebración que inclúe os dous ritmos máis representativos da música tradicional galega, nos que destacan as percusións tradicionais, a electrónica e as voces máis ancentrais.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.



