Moi contento por ter a oportunidade de actuar no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, se subía Carlos Blanco ao escenario na noite do venres 4 de abril para presentar o seu espectáculo A Penúltima, logrando colgar o cartel de ‘non hai entradas’.



Como humorista, Carlos foi finalista do Certame de Monólogos de El Club de la Comedia en 2003; e como humorista e actor teatral, ten participado recentemente xunto a Xosé A. Touriñán en espectáculos como Unha noite na praia e Somos Criminais, sendo esta última a obra con máis entradas vendidas na historia do teatro galego. En solitario, “porque nunca se sabe e o tempo pasa…” chegaba ao Barco de Valdeorras da man da compañía ‘Con de Tres Pes’ cargado de historias novas e vellas como As grandes frases das nosas avóas e avós, As bravas da Arousa (Queres Kiwis?) ou A dobraxe porno… marcadas polo seu peculiar sentido do humor e acompañadas desta volta por imaxes.


Co patio de butacas cheo, o humorista e actor de teatro, cine e televisión natural de Vilagarcía lograba conectar co público, tímido ao principio pero participativo e entregado despois durante a hora longa que durou a actuación. 70 minutos que con Carlos Blanco sempre son curtos, divertidos e mesmo curativos.
O vindeiro 17 de abril actuará na cidade de Ourense, no Liceo, en dúas funcións (ás 18 e ás 20 horas).
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.



