A Pobra de Trives agarda con emoción a chegada da Volta a España, que xa está en Galicia. Este xoves 29 de agosto a vila e a Estación de Montaña Manzaneda como meta serán o epicentro deste deporte coa chegada da etapa 12 de “La Vuelta” 2024.
Durante toda a xornada programáronse actividades relacionadas co mundo do ciclismo e que terán a Rúa San Martín como escenario. Neste punto instalarase o Parque Volta, unha “fan zone” na que haberá unnha trintena de expositores e patrocinadores e empresas colaboradoras levarán a cabo actividades para os afeccionados, que van desde reparto de merchandasing, regalos, degustacións e actividades para os máis pequenos, ademais de ofrecer a posibilidade de poder seguir desde este espazo o desenrolo da etapa. Ppoderá visitarse dende as 16:30 ata as 20 horas e o acceso será libre.
A etapa que pasará por Trives será retransmitida a 200 países, a través de 266 medios de comunicación e 900 xornalistas acreditados. O concello e a Estación de Montaña promocionaranse así en medio mundo, unha oportunidade idónea para dar a coñecer todo o seu potencial.
A etapa que culminará na Estación de Montaña Manzaneda e que transcorrerá pola Ribeira Sacra gozará de gran espectacularidade. Serán en total 133 quilómetros de percorrido polos seguintes concellos: O Pereiro, San Cibrao das Viñas, Paderne de Allariz, Maceda, Esgos, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Teixeira, Castro Caldelas, San Xoán de Río e Trives, con final na Estación de Montaña de Cabeza Grande de Manzaneda.