
O Concello da Pobra de Trives vén de dae un dobre salto rumbo á excelencia turística tras recibir o certificado da Q de Calidade e debutar como un dos Pobos Máxicos de España. O primeiro recoñecemento é outorgado polo Instituto para a Calidade Turística Española e converte A Pobra de Trives, a través da súa Oficina de Turismo, no “único concello da provincia de Ourense que actualmente dispón desta distinción, que si teñen establecementos privados como restaurantes ou balnearios”, aseguran dende a entidade local.
A alcaldesa , Patricia Domínguez, era a encargada de recoller o selo nunha gala organizada polo Instituto para a Calidade Turística de España celebrada na Galería de Cristal do Palacio de Cibeles, en Madrid á que tamén asistiu a ministra de Turismo, Reyes Maroto quen felicitou persoalmente a Domíguez pola “obtención dunha Q que referencia a Pobra de Trives como un dos destinos turísticos máis selectos de Galicia”.
Ao día seguinte, so unhas horas despois de recibir a Q de Calidade, A Pobra de Trives debuta como Pobo Máxico de España, neste caso no recinto de Fitur e nun stand da propia asociación Pobos Máxicos de España. “Súmase así a concellos que tamén son referentes pola súa beleza como Luarca e Cangas de Onís, en Asturias, ou Comillas, en Cantabria”, apuntan dende o Concello.

Estas dúas accións, impulsadas de forma paralela polo actual goberno local de Pobra de Trives, evidencian a súa “aposta por consolidar e impulsar esta localidade como destino rural, de natureza, deporte, gastronómico e monumental de alta calidade, nunha busca continua da excelencia turística”.
A alcaldesa, Patricia Domínguez, que ademais asume as competencias de Tursimo, acudiu tanto á gala como a Fitur acompañada polos concelleiros Miguel Sierra, Crstina Paz e Rubén Armenteros, ademáis de Rosa Carballo, técnica da Oficina de Turismo. O grupo de goberno de Trives aproveitou a súa presentación como Pobo Máxico para promocionar produtos da zona.
Patricia Domínguez agradeceu tanto a distinción de calidade como a incorporación a entidade Pobos Máxicos de España porque son dos “avales ás políticas en materia de turismo despregadas durante este mandato, especialmente complexo pola pandemia e a crisis que estamos a sufrir todos os concellos. Comporta un aliciente máis no reto de consolidarnos como un destino turístico de elevado prestixio”, di. Considera, ademais, que así é como gañan “prestixio, fiabilidade, rigorosidade e promoción” os destinos turísticos, polo que aposta por seguir traballando nesta mesma liña.