CulturaCulturaÚltima hora

A preestrea en Galicia de “Tierra de leche y miel”, na sesión inaugural do FIC Via XIV de Verín

O traballo cinematográfico, dirixido polo verinés Héctor Domínguez, fai un retrato real e cru das cicatrices, efectos e salpicaduras dunha guerra

Rodaxe en Turquía de “Tierra de Leche y Miel”./ Cedida.

 

O Festival Internacional de Curtas (FIC) Vía XIV de Verín acollerá, no marco da súa sexta edición que se celebrará a comezos de setembro, a preestrea en Galicia do documental “Tierra de leche y miel”, dirixido polo verinés Héctor Domínguez-Viguera xunto a Gonzalo Recio e Carlos Mora.

Este traballo que gañou a sección DOC na 65 edición do festival Seminci de Valladolid e o seu equipo directivo está moi ligado ao Festival Internacional de Curtas de Verín, que co seu patrocinio contribuiu a facer posible este documental.

Ademais, o seu equipo de rodaxe impartiu hai uns anos, no marco do FIC Vía XIV, unha masterclass na que abordou a problemática de construción dunha obra cinematográfica. O documental será posteriormente estreado, de xeito oficial na Comunidade Autónoma, no Festival Play-Doc de Tui.

Cinco capítulos

O traballo está dividido en cinco capítulos e un prólogo e “fai un retrato real e cru das cicatrices, efectos e salpicaduras dunha guerra: os mortos, o trauma, a pena, a incertidume e, en especial, os desprazamentos”, segundo informa a organización do festival. Mediante unha técnica moi lograda, o traballo afonda, dun xeito case poético, na cotidianeidade dunhas personaxes que viven nun conflito bélico.

Para un dos directores deste traballo, o verinés Héctor Domínguez-Viguera é “un motivo de inmensa alegría” poder preestrear a obra en Galicia “no marco do FIC Vía XIV” e poder “compartir con familiares, amigos e coñecidos” as súas impresión sobre o documental.

Xunto a isto, aspira a que o público poida afondar no coñecemento dunhas personaxes que a todo o equipo técnico impresionaron notablemente xerando neles un “sentimento transformador”.

A preestrea deste documental, que se proxectará na xornada inaugural do FIC Vía XVI de Verín, constitúe a segunda das actividades paralelas confirmadas para a VI edición do certame, logo de que recentemente se anunciara a celebración dun obradoiro de guion de cine.

Artigos relacionados

Back to top button