Ás seis da tarde deste xoves 23 de xaneiro botaba a andar o club de lectura para adultos do CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa do Barco de Valdeorras. E facíao da mellor forma posible, coa presentación do libro sobre o que xirará este ano, Mi capitán…, ¿a quien disparo? Diario de un republicano en el bando nacional (Editorial Bubok), asinado por David Vázquez (Arcos, Vilamartín de Valdeorras) e Aurea Ochoa (Ponferrada), os dous profesores do centro escolar barquense, xa xubilados.
O acto, ao que non paraba de chegar xente, era presentado pola mestra Merche Gallego e comezaba cunha breve representación de Gargallada Teatro “ao máis puro estilo de Gila”, coa posterior proxección dun vídeo no que aparecían moitos dos escenarios que figuran no libro cuxo protagonista é o pai da propia Auri que escribiu un diario da súa experiencia vital durante a guerra, e que hoxe “podemos ler grazas a un exercicio da escrita onde a creación literaria e o respecto ao texto orixinal van da man para nos embargar co dilema moral que sofre Emilio”, aseguran dende o colexio, orgullosos de contar na presentación cos coautores do libro, aínda que Auri asegurou que “eu simplemente fixen o guión e algunha que outra corrección, os verdadeiros autores foron David, que fixo a parte de ficción (novela) e o meu pai cuxo diario se plasma practicamente literal”.
O diario escrito durante a Guerra Civil polo pai de Auri é pois o punto de partida para a creación desta novela que mestura memoria e historia, centrada na primeira metade do século XX, unha época “en extremo, convulsa no noso país do mesmo xeito que no resto do continente… ou do mundo” no que a familia republicana dos Ochoa, berciana, de Arborbuena, “viviu nas súas carnes todas cantas circunstancias adversas puideron darse, ata o punto de que dous irmáns, Andrés e Emilio, víronse inmersos, por caprichos do destino, na guerra fratricida de mil novecentos trinta e seis”. Republicanos ambos, loitaron… “un defendendo ao goberno democrático da nación e o outro recrutado para o bando nacional”. Acabada a contenda, o irmán menor regresaría á súa casa, mentres que o maior sería condenado a 36 anos de prisión en penais e campos de traballo, do mesmo xeito que moitos miles de soldados do exército derrotado.
Sobre eles e a súa familia xurdiu, case sen pretendelo, esta novela que, aínda que afastada no tempo, “segue presente nos corazóns daqueles e aquelas que escoitamos de boca dos nosos pais, nais ou avós as atrocidades que, en nome da lei, cometéronse dun e outro lado da fronte, así como durante os penosos anos posteriores”.
Unha historia real, contada en primeira persoa que analizarán en profundidade os participantes no club de lectura do colexio que hoxe acollía a súa posta de longo. Acompañando aos coautores na mesa, Aurelio Blanco Trincado, presidente do IEV e José Rodríguez, presidente da sección de arqueoloxía e ecoloxía do Instituto.