En portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

A procesión coa imaxe da Virxe do Camiño abre as Festas da Ascensión en Rubiá

 

En pleno mes de maio os veciños de Rubiá celebran as festas da Ascensión coa que se conmemora o ascenso de Cristo ao ceo en presenza dos seus discípulos, corenta días despois do Domingo de Resurreción. Trátase dunha celebración moi importante para a comunidade cristiá e no concello valdeorrés vívese con especial devoción e forza, centrada nas figuras da Virxe do Camiño, da Inmaculada e de San Isidro, que arrancan hoxe e estenderanse ata o domingo 21 de maio cun importante apartado relixioso, pero tamén musical.

 

 

Coma sempre, o traslado da imaxe da Virxe do Camiño dende a capela na que se conserva durante o ano ata a igrexa parroquial, marcaba o comezo relixioso das festas. Coa imaxe xa na igrexa, o martes día 17 de maio comezaba a novena e hoxe,  xoves 18 de maio celebrábase o día grande das festas coa misa cantada polo coro parroquial, seguida pola procesión coa Virxe, de regreso á capela na que é custodiada durante todo o ano. A comitiva estivo acompañada pola charanga Los Bercianos.

 

 

A xornada de mañá, venres 19 de maio, arrancará de novo cun acto relixioso, nesta ocasión a procesión coa Inmaculada e a charanga Os Imparables prevista para as 12:30 horas seguida da misa solemne. O apartado musical de mañá correrá por conta de Los Íñigos.

 

 

O prato forte chegará o sábado coa actuación da orquestra Olympus, quedando para o domingo 21 de maio a Costa Dorada. Ese día haberá tamén procesión e misa na honra a San Isidro con bendición de campos e o acompañamento dun grupo de gaitas.

 

 

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button