A RúaConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

A procesión das antorchas coa Virxe de Fátima sortea á chuvia en Fontei (A Rúa)

 

O domingo 4 de maio comezaba a novena de Fátima na parroquia ruesa de Fontei que se estenderá ata o luns día 12, pero coa sempre era a procesión das antorchas un dos cultos máis destacados do programa na honra á Virxe María na advocación de Nosa Señora de Fátima.

 

 

Malia a chuvia caída pola tarde, ás 22:30 horas do venres 9 de maio, a auga daba unha tgregua e numerosos fieis acompañaron á imaxe da Virxe iluminada e rodeada de fermosas calas brancas, por rúas da vila ata rematar de novo no templo, portando candeas e cirios, con cánticos e oracións guiadas polos párrocos cos altofalantes en man. Xa de volta e pouco antes de entrar na igrexa para celebrar a novena e a misa, comezaba a chover de novo.

O día grande da festa será o martes 13 de maio. A primeira misa do día será de comuñón xeral ás 9 horas, seguida da dos enfermos ás 10:30 horas (bendición co Santísimo Sacramento). Antes da misa maior, programada para as 13 horas, os nenos e mozos da parroquia farán unha ofrenda floral.

 

 

Xa pola tarde, a misa vespertina está prevista para as 18 horas e só unha hora máis tarde, en torno ás 19 horas, comezará a outra procesión da festa, sen dúbida un dos actos máis emotivos da celebración relixiosa. A comitiva irá coma sempre encabezada polos nenos que o domingo anterior recibían xa o Corpo de Cristo por primeira vez e no seu traxecto polas rúas hai dúas veciñas que dende a fiestra deixan caer ao paso da imaxe da Virxe multitude de pétalos de flor de diversas tonalidades. A procesión remata cos devotos despedindo con panos brancos, á Virxe ata maio do vindeiro ano.

 

 

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button