ConcellosEn portadaO BarcoÚltima hora

A proposta de humanización da estrada xeral do Barco amplía beirarrúas, elimina aparcamentos e crea outros alternativos

O alcalde do Barco presentaba esta mañá un estudo valorado en 4,5 millóns de euros para o tramo da N-536 entre A Proba e Viloira

O alcalde do Barco presentando a proposta de humanización da travesía xeral do Barco./ Foto: A.R.

 

“Esta intervención vai transformar a vila, vai haber un antes e un despois do Barco con este proxecto”. Así presentaba esta mañá o alcalde do Barco, Alfredo García, o estudo valorado para a humanización da travesía da N-536 ao seu paso pola vila, a chamada “estrada xeral”. Unha reforma que se pretende levar adiante unha vez estea operativa a circunvalación, o que suporá eliminar o paso de vehículos pesados polo casco urbano do Barco.

O Concello do Barco presentaba unha proposta ao Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana de forma que o Goberno central afronte a transformación do tramo conxunto da estrada xeral, e que está valorada nuns 4,5 millóns de euros. Despois o Concello do Barco asumiría esa vía. “Levamos seis meses traballando niso, contactamos cunha empresa para que elaborase un estudo de humanización do conxunto da travesía, é dicir o tramo entre A Proba e o punto no que está a ITV en Viloira”, explicaba o rexedor barquense, indicando tamén que a intención do Concello é poder asinar antes do 31 de decembro un convenio co Ministerio, cuxos técnicos xa están estudando. “A partir de aí todo o demais farao o Ministerio, ocuparase da contratación do proxecto e da execución da obra con cargo a fondos europeos para transformación e resiliencia”.

A memoria valorada desta actuación farase pública hoxe na sede electrónica do Concello do Barco, onde poderá ser consultada pola veciñanza. “Queremos que os veciños nos dean a súa opinión e aporten suxerencias sobre esta proposta”, dicía Alfredo García, quen matiza que nesa estrada vanse manter os dous sentidos de circulación actuais.

 

Estrada xeral que cruza a vila do Barco./ Foto: A.R.

 

A actuación proposta suporía, en liñas xerais, en transformar o que hoxe á estrada xeral que cruza a vila nun bulevar, nunha zona de paseo “para poder estar e onde a xente faga vida. Para iso imos ampliar as beirarrúas e poñer carril bici onde se poida, colocaremos máis mobiliario urbano, árbores e nalgunhas zonas eliminararse o aparcamento, pero tamén contemplamos alternativas para esas prazas que se eliminan. Por cada praza que poidamos suprimir poremos dúas ou tres”, adiantaba o alcalde do Barco. Así, esa proposta inclúe que no tramo entre a rúa Ourense e a rúa Cantón na estrada xeral só poderá haber carga e descarga.

A memoria detallada poderá consultarse a parte de hoxe na sede electrónica do Concello do Barco https://www.sede.concellodobarco.org/, confirmaba o alcalde. “Aquí queda moito traballo por adiante, pero o máis importante é planificar, ter un plan global para ir desenvolvendo o proxecto na medida na que poidamos”.

 

Artigos relacionados

Back to top button