OurenseÚltima hora

A provincia contará na campaña invernal 2019-20 con 23 camións quitaneves

A Subdelegación do Goberno en Ourense acollía unha reunión da Comisión de Coordinación Provincial para a seguridade viaria en situacións extremas

Un dos momentos da xuntanza desta comisión na Subdelegación do Goberno en Ourense.

 

A Comisión de Coordinación Provincial para a seguridade viaria en situacións extremas celebraba unha xuntanza na mañá deste 18 de novembro na Subdelegación do Goberno en Ourense co fin de revisar e actualizar o protocolo de actuación na provincia. O obxectivo é reducir en todo o posible o número de tramos con restricións ao tráfico e evitar as retencións de vehículos ou, no seu caso, minimizar a súa duración. O dispositivo especial para a campaña de vialidade invernal está operativo dende o día 1 de novembro e manterase ata o 30 de abril de 2020

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, destacaba o importante despregue de medios nesta campaña 2019-2020 na provincia con 23 camións quitaneves, dous máis que no pasado ano. Deles, 18 son quitaneves convencionais e 5 son camións espalladores de salmoira. Do mesmo xeito, atópanse almacenadas 5.494 toneladas de sal (100 tn máis que na campaña anterior) e 110.000 litros de salmoira. Ambas cantidades son correspondentes ás provisións iniciais e poderán ser aumentadas a medida que decorra o inverno.

Ao mesmo tempo, cóntase con 13 estacións meteorolóxicas distribuídas pola provincia e con 17 cámaras repartidas polas estradas nacionais e nas autovías da provincia que permitirán coñecer de forma inmediata a situación do tráfico e as condicións das estradas. A estes medios súmanse os despregados pola Xunta de Galicia e pola Deputación de Ourense.

Nesta reunión en Ourense participaban representantes das distintas administracións e dos órganos da Administración Xeral do Estado. Entre outros, o subdelegado do Goberno, o secretario xeral, Manuel Arias Carral; a delegada territorial da Xunta de Galicia, Marisol Díaz Mouteira; o comandante xefe acctal. da Comandancia da Garda Civil, José Fermín Díaz Silva; o inspector xefe de Seguridade Cidadá do Corpo Nacional de Policía, José Manuel Barbero Corchete; o capitán xefe do Subsector de Tráfico, Ángel Rafael Rodríguez Aguiar; o xefe da Unidade de Estradas do Estado, Álvaro Rodríguez Aguiar; e a xefa de Protección Civil da Subdelegación, Ana Paradela Núñez.

Ante situacións de temporal de neve ou frío, Emilio González apelou á “prudencia, respecto ás normas de tráfico, responsabilidade ao volante” e “á adopción de medidas de protección”, incidindo en que se se vai viaxar se solicite información previa do estado das estradas e da situación meteorolóxica á Dirección Xeral de Tráfico a través do teléfono 011 ou na páxina www.dgt.es.

Artigos relacionados

Back to top button