SanidadeÚltima hora

A provincia rexistraba no 2022 unha maior incidencia de Covid, pero unha mortalidade máis baixa

A letalidade da infección durante 2022 foi a metade que en 2021 e dez veces menor que no 2020 o que reflicte o efecto protector das vacinas

 

En 2022 rexistráronse na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras un total de 54.086 casos de Covid, sendo, con moita diferencia, o ano con maior número de casos detectados dos tres anos que levamos acumulados de pandemia COVID o que supón a infección tería afectado durante o pasado a preto do 17 % da poboación da provincia.

Dende o mes de marzo de 2020 ata o 31 de decembro de 2022 foron diagnosticados un total de 86.132 casos mediante probas de análise microbiolóxico na nosa Área Sanitaria dos que 8.653 corresponden ao ano 2020 (10 %), 23.393 ao ano 2021 (27,2 %) e 54.086 ao pasado ano 2022 (62,8%). No que respecta ao xénero das persoas afectadas o 56,1 % destes casos diagnosticados corresponderon a mulleres mentres que o restante 43,9 % afectou a homes.

Pese a que 2022 foi o ano de maior casos detectados, a taxa de letalidade (número de falecementos entre o número de afectados) foi inferior ao 0,4 % dos totais. Estes datos reflicten que a letalidade actual é dez veces inferior ao periodo prevacinal que estivo marcado polas restriccións máximas na mobilidade e nas interaccións sociais.

Nestes tres anos en Ourense faleceron 654 persoas. Pese á cada vez menor gravidade dos casos e unha letalidade do 0,35 %, dez veces menor ao periodo prevacinal, o coronavirus segue a estar vinculado a falecementos xa que 187 ourensans e ourensanas o fixeron o pasado ano, lonxe, afortunadamente, das 309 do primeiro ano da pandemia no que faleceron un 3,5 % das persoas contaxiadas. Tamén a letalidade durante o 2022 diminuiu con respecto ao anterior ano xa que durante o ano 2021 tivo unha taxa do 0,67 % sobre o total das persoas contaxiadas e unha cifra total de 158 falecidos.

869.032 vacinas totais

O rasgo diferencial nestes dous últimos anos de pandemia foi sen dúbida a vacinación e durante o ano 2022 o ritmo de vacinación incrementouse todavía máis ata chegar a un total de 869.032 vacinas administradas con un total de 277.059 persoas con pauta completa. ata chegar ata o 95% da poboación coa pauta completa

O proceso de vacinación trouxo consigo unha progresiva redución de casos de Covid en persoas de idades avanzadas, nas que a enfermidade ten maior risco, xa que pode descompensar enfermidades crónicas ou pluripatoloxías previas, ademais de que, coa idade, o sistema inmune debilítase, segundo se destaca dende a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco.

Así mesmo, dende a área ourensá lémbrase que toda aquela persoa que desexe vacinarse fronte a Covid pode facelo a través da autocita a través do aplicativo de sergas móbil ou ben acudindo sen cita ao punto de vacinación máis próximo (neste intre no Hospital Universitario de Ourense e nos hospitais públicos de Verín e Valdeorras).

Ademais da vacinación, mantense un esforzo constante de control, por medio de cribados periodicos e regrados nas residencias sociosanitarias, para limitar a posible extensión e transmisibilidade do virus.

Artigos relacionados

Back to top button