SanidadeÚltima hora

A psicoloxía galega reclama un incremento nos recursos para a atención á saúde mental da infancia e a adolescencia

Entre o 17 ao 19 de novembro celébranse en Pontedeume as XXVII Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

 

A necesidade de ofrecer unha resposta profesional e asistencial adecuada ao incremento das necesidades da poboación infantil e adolescente tras a pandemia ten sido o punto de inicio das XXVII Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, que esta mañá se inauguraba na vila de Pontedeume, no Espazo +60 de Afundación, na que están participando máis de centro vinte psicólogos e psicólogas de toda a Comunidade.

O alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro, sinalou a súa preocupación pola saúde mental da poboación moza, “despois de case tres anos moi complexos e ata certo punto traumáticos”, e sinalou que a pandemia fixo “máis necesario aínda o labor da psicoloxía”. Apuntou así mesmo que “eses rapaces e rapazas serán os que dirixan a sociedade na que viviremos no futuro”, polo que reclamou a necesidade de investir na prevención e coidado da súa saúde mental.

En representación do Colexio Oficial da Psicoloxía de Galicia (COPG), o psicólogo clínico José Berdullas, destacou a “fortaleza do grupal, do comunitario” destas Xornadas, e reflexionou sobre en que situación están os nenos e nenas nestes momentos, “que nos atrevamos a escoitalos e que nos cuestionemos como os escoitamos”.

A psicóloga clínica Paula Marcos, vicepresidenta da Sección de Psicoloxía e Saúde do COPG manifestou a necesidade de reflexión sobre “a resposta nas novas formas de sufrimento na nosa práctica clínica”, mentres que o presidente do Comité Organizador, o psicólogo clínico Gonzalo Martínez Sande, destacou a boa afluencia de profesionais da psicoloxía a estas Xornadas, chegados de toda a comunidade, para reflexionar sobre a atención á saúde mental da poboación infantil e adolescente, dado que é unha das etapas evolutivas que se viu máis afectada polas limitacións que implicou a pandemia.

“Infancia e adolescencia: coidar a súa evolución, evolucionar no seu coidado”, é o título desta edición, que se propuxo partindo do incremento das demandas de atención de saúde mental na poboación infanto-xuvenil. O programa busca abordar esta demanda, especialmente polo incremento rexistrado dos trastornos de alimentación, da conduta autolesiva e suicida nestas idades, así como o uso abusivo das redes sociais.

O foco é amplo, xa que nas distintas mesas e conferencias estase a falar da familia e da relación cos demais rapaces e rapazas da súa idade, así como do contexto escolar-académico, para facer unha aproximación sobre se os recursos actuais están adaptados para dar resposta a estas problemáticas emerxentes tras a pandemia. Unha ducia de relatores e relatoras de recoñecida traxectoria, tanto a nivel galego, como doutros territorios do Estado, están achegando a súa experiencia profesional e investigadora nas principais problemáticas que afectan a saúde mental da rapazada.

Artigos relacionados

Back to top button