OurenseÚltima hora

A punta solutrense de Casardomato, peza do Paleolítico galego

Este obxecto, situado no período Solutrense superior, é a "Peza do Mes" de setembro no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

Punta solutrense de Casardomato./ Foto: Fernando del Río.

 

A escolla do material para elaborar a punta solutrense de Casardomato non foi casual. Utilizouse unha cuarcita de grao fino que, malia ser habitual na carga fluvial do río Miño, “indica unha estratexia de selección coidadosa dos mellores tipos de materia prima para a fabricación dunha peza desta complexidade técnica”. Así o aseguran Eduardo Méndez-Quintas e Mikel Díaz Rodríguez no estudo realizado sobre este instrumento lítico, “Peza do Mes” de setembro no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Este útil, cunhas dimensións de 95x22x2-6 mm e un peso de 13 gramos, procede do Colexio de Casardomato (hoxe CEIP Albino Núñez) en San Miguel de Canedo, na marxe dereita do Miño ao seu paso pola cidade de Ourense. Foi doada ao Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense en 1987 polo seu descubridor, Manuel Penín, sendo ata ese momento inédita.

Cronoloxicamente, sitúase no período identificado como Solutrense superior, que se enmarca entre o 20.000 e o 17.000 BP (Before Present, antes do presente). “O Solutrense desenvólvese durante os momentos máis rigorosos da última glaciación (LMG) e trátase dunha fase caracterizada, fundamentalmente, pola extensión e desenvolvemento das técnicas de talla e retoque baseadas no percusor brando, a percusión indirecta e a talla por presión. Ese perfeccionamento nas técnicas de talla permitiu que os cazadores- recolectores que habitaban en este período fosen capaces de crear pezas foliáceas de bela factura e tan características como a que presentamos aquí”, indican Méndez-Quintas e Díaz Rodríguez.

Os estudos desta punta establecen paralelos con achados no xacemento arqueolóxico de Valverde (Monforte de Lemos), así como noutros solutrenses do norte de Portugal e do norte e leste da cornixa cantábrica.

Na actualidade a peza forma parte dos fondos do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Mantendo a liña iniciada meses atrás, e “seguindo as indicacións das autoridades sanitarias en relación coa Covid-19, cancélanse as actividades presenciais no Museo polo que non se fará a presentación da Peza do Mes”, indican dende esta institución. Aínda así, lembran que a sala de exposicións Escolma de Escultura está aberta ao público.

Artigos relacionados

Back to top button