O primeiro exemplar da revista “Saldoira” nace no ano dous mil un como unha actividade de entre outras, incluídas nun proxecto subvencionado polas axudas da Xunta de Galicia, en función do número de alumnado e calidade do mesmo, e froito do traballo do equipo de Dinamización Lingüística daquela, era unha actividade entre outras moitas, pero non era unha actividade máis. Na primeira páxina dicía así en agradecemento aos colaboradores:
Co voso traballo estades a contribuír á conservación da nosa lingua, esencia do noso pobo. A vós dedicamos estas palabras de Florentino Cuevillas, un dos homes máis salientables do grupo Nós: “…Se se vos ocorre pensar acaso se sementades ou se só esparexedes, desbotade ese pensamento e tede por seguro que calquera traballo, grande ou pequeno, duro ou levián, que emprendades en nome de Galicia, é sempre sementeira.”
Hoxe cumpre este proxecto 20 números, o mesmo espírito dinamizador a día de hoxe axuda a conseguir os seguintes obxectivos:
- Dignificar a lingua e aumentar o seu prestixio
- Aumentar usos cultos e consolidar usos coloquiais
- Implicar todos os axentes escolares neste proceso
- Contribuír á dinamización lingüística do contexto
- Dinamizar o uso do galego no centro de xeito que repercuta no exterior.
- Difundir as actividades dinamizadoras na vila.
- Promover o mantemento da lingua entre alumnado, profesorado e familias nos rexistros coloquiais ante persoas non galegofalantes con competencia oral da nosa lingua.
- Afianzar o idiolecto do alumnado e das familias, peneirándolle os castelanismos, para desterrar a idea de que falan “castrapo”, é dicir, de que “falan mal”.
- Fomentar a lectura en lingua galega entre toda a comunidade educativa, para consolidar o rexistro culto da lingua.
- Mellorar a competencia lingüística entre alumnado, profesorado e persoal non docente.
O nome da revista, “Saldoira”, vén dunha enorme pena que está na beira do Río Sil, ao seu paso polo Barco de Valdeorras. Probablemente, segundo nos conta a etimoloxía, significa “ pía, baño para salgar”. Salgar o peixe ou a carne para a súa conservación. Conservar a nosa identidade, polo tanto a nosa lingua. Iso pretende a revista Saldoira, pensada e escrita en galego.
O deseño da revista no exterior e no interior comeza a deseñarse desde comezos de curso e ten unha estrutura xa fixa: Na primeira páxina hai unhas palabras do equipo, case sempre subliñando a importancia e o labor da revista para conservar, difundir e dignificar a nosa lingua.
Seguidamente ven un apartado dedicado ás letras Galegas sobre o homenaxeado do ano, este ocupa unha parte importante, dáselle moita cobertura, xa que todos os anos os centros educativos do Barco de Valdeorras, xuntamos esforzos para organizar actividades co gallo da Semana das Letras Galegas. Ademais da colaboración co concello a través dunha exposición de traballos na rúa principal do Barco, tamén o facemos co Centro Comercial Aberto do Barco de Valdeorras, asociación, esta última, que agrupa a establecementos comerciais diversos da vila. Pretendemos conseguir así a maior difusión das nosas iniciativas expoñendo o traballo do alumnado para toda a cidadanía e recollendo na revista a crónica co resultado.
Outra sección de entrevistas a antigo alumnado, outra de despedida do alumnado que se gradúa, textos literarios variados asinados polo alumnado e profesorado, noticias sobre acontecementos no centro, orlas do alumnado e persoal do centro, artigos de opinión, excursións, despedidas, xubilacións e entrevistas a persoeiros locais do mundo da cultura. Este último punto incide de novo no cometido difusor da cultura local que fai a nosa revista tamén, tendo en conta que se reparte un exemplar entre toda a comunidade educativa como resumo do moito que da de si un ano escolar.
Polo tanto, estamos a falar de memoria, conservación, difusión, valoración do propio nun mundo globalizado e que tende a esquecer rapidamente, á mesma velocidade que fabrica noticias e as consume. Sobrevivir aquí, no papel e na letra en abundancia, con forma de párrafos , para o noso centro é un orgullo.
Quero rematar cunha palabras do equipo de Dinamización do ano 2013, que tras un parón de tres anos , e cando só se falaba de crise e recortes o claustro do Martaguisela decide publicar a súa revista en versión impresa e un exemplar para cada un dos membros da comunidade educativa como se fixera desde o comezo. Dicía así:
Tomamos a decisión en tempos difíciles, pero en tempos complicados hai que facer grandes esforzos, e pensamos que a nosa revista merece perdurar no recordo, por que recolle momentos inesquecibles (…) Grazas por que colaborastes na construción da memoria colectiva do IES Martaguisela e ter memoria é fundamental para vivir con dignidade.
Moitos dos que agora estades lendo estas letras atoparedes algún día esta revista escolar nalgún caixón ou estante da casa e non poderedes evitar viaxar polas súas páxinas e traeredes á memoria compañeiros esquecidos pero queridos e aventuras que nos fixeron medrar como persoas. Gardádea, está feita con retallos de vida.
Marta Cortés, Coordinadora da revista e do equipo de Dinamización Lingüística do IES Martaguisela.
A nosa revista tamén ten edición dixital e poden atopar todos os números na páxina do noso centro. Calquera membro da nosa comunidade educativa pode pasar polo centro e levar un exemplar en papel se ten interese e se non o ten xa, pois a final de curso repártese.
Texto e fotos: Marta Cortés, directora da revista e coordinadora de Dinamización Lingüística do IES Martaguisela.





