En portadaÚltima hora

A Ribeira Sacra afronta a ponte do Pilar cun 82% de reservas en aloxamentos turísticos

Ribeira Sacra./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Con moi bos datos inicia o Xeodestino Ribeira Sacra o outono. Remataba setembro cun 65% de ocupación e comeza outubro con case a metade das prazas ocupadas e cun 82% de reservas para a Ponte do Pilar, segundo informa o Consorcio de Turismo Ribeira Sara.

Os datos desagregados quedarían do seguinte xeito:

Ocupación setembro: 65%

– Hoteis 4 e 3 estrelas: 89%
– Turismo Rural: 55%
– Vivendas Turísticas e de Uso Turístico: 43%
– Outros aloxamentos: 71%

“A porcentaxe de ocupación é un 6% superior ás previsións de finais do mes de agosto, e ocupáronse 1.100 prazas máis que en setembro de 2022”, matizan dende o consorcio.

Previsións outubro: 45%

– Hoteis 4 e 3 estrelas: 66%
– Turismo Rural: 42%
– Vivendas Turísticas e de Uso Turístico: 18%
– Outros aloxamentos: 52%

“Os hoteis de maior categoría son os que, polo de agora, esperan as ocupacións máis altas”, proseguen dende o consorcio, indicando tamén que “as fins de semana nesta tipoloxía están xa ao 80%. O turismo rural e a categoría de outros aloxamentos (albergues, camping, pensións…) acadan xa o 65% para as fins de semana”.

Ponte do Pilar  (do 11 ao 15 de outubro): 82%

Segundo os datos recollidos ata o momento, as prazas reservadas para a vindeira ponte, entre o mércores 11 e o domingo 15 de outubro, sitúanse no 82%. “Nesta ocasión, os hoteis de maior categoría (4 e 3 estrelas) e o turismo rural son as tipoloxías que marcan unha maior porcentaxe de reservas, chegando a acadar o 93% e 91% respectivamente. As vivendas turísticas e de uso turístico contan con 69% das prazas reservadas e os aloxamentos noutras categorías o 73%”, asegura dende a xerencia do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

Para atopar unha ponte semellante “temos que retroceder no tempo ata o 2021, no que o festivo caeu a martes ou ata o 2017, cando foi xoves. As cifras de previsión son moi semellantes, aínda que despois dun lustro non se poden comparar, debido a que contamos a día de hoxe con case 500 aloxamentos e 4.000 prazas máis que daquela”, conclúen dende este organismo.

Artigos relacionados

Back to top button