ConcellosÚltima hora

A Romaría da Saínza 2024 inclúe o I Festival Saínza Soundscape

Celebrarase do 20 ao 24 de setembro en Rairiz de Veiga

 

Este mércores presentouse en Rairiz de Veiga a programación da Romaría da Saínza, que terá lugar os días 20, 21, 22 e 24 de setembro. A alcaldesa da localidade, Asunción Morgade, destacou este festexo, no que haberá un enfrontamento entre mouros e cristiáns, como unha das máis senlleiras celebracións da Limia e, “se mo permitides, da provincia de Ourense e de toda a comunidade coa que se despiden as grandes festas do verán”.

A alcaldesa estivo acompañada no acto por Ana Míguez e Julio Domínguez, “dous dos meus máis fieis colaboradores na organización desta romaría e sen os que non teriamos o éxito de público que ano tras ano se acada”, indicou Morgade. Tamén estaban o capitán do bando cristián, Breogán Prieto, e o mouro, José Antonio Bretaña.

A rexedora de Rairiz de Veiga apuntou que “como xa vén sendo habitual, A Saínza programa un calendario de festexos para todos os públicos e sensibilidades. Teremos actividades para a cativada o venres, pero tamén oficios relixiosos para os devotos da Virxe, que os hai e son moitos chegados doutros territorios e, como non, a recreación histórica do combate, o grande reclamo para todos”.

A alcaldesa do municipio subliñou tamén, coma novidade, o festival de música Saínza Soundscape, a cargo da discoteca móvil “EME Music” con Carlos Magán, no que “quere ser un chisco á nosa xuventude, que non contaba, en edicións anteriores, cunha actividade axeitada ás súas inquedanzas”, asegurou Morgade Rúa.

 

 

A recreación do combate entre mouros e cristiáns terá lugar o domingo 22, ás 12:45 horas, logo da misa solemne no Campo da Batalla, que comezará ás 12:00 horas, trala procesión dende a Igrexa de San Xoán de Rairiz de Veiga ao Castelo da Saínza. Ademais, engadiu que a programación completarase con música, destacando a presenza de “orquestras de grandísimo nivel nacional”. Morgade convidou a todos a asistir á Romaría da Saínza e lembrou que “non hai mellor xeito de vivila que desfrutar do entorno natural que nos ofrece a Carballa da Rocha e do espíritu de convivencia que sempre a marcou”, rematou.

A romaría comezará o venres ás 13:00 horas co anuncio da festa con descarga de bombas de palenque, pola tarde, haberá xogos populares. Na noite, logo da actuación da Banda de Gaitas do Concello de Rairiz de Veiga no Campo da Festa (22:00 horas), arrincará a primeira edición do festival Saínza Soundscape, coa discoteca móvil “EME Music” e Carlos Magán.

O sábado, ás 19:30 horas, terá lugar a procesión da Nosa Señora da Mercé dende a capela da Saínza ata a igrexa de San Xoán de Rairiz de Veiga. Antes do asalto ao Castelo, a orquestra Triunfo ofrecerá un primeiro pase ás 21:30 horas para seguir ás 00:30 horas.

Un dos grandes reclamos desta romaría é a batalla entre os mouros e os cristiáns. O primeiro paso para este combate darase o sábado pola noite. Ás 23:45 horas será o desfile do exército Cristián dende a capela da Saínza ata o campo de batalla. A medianoite, os mouros protagonizarán o asalto ao Castelo. A noite rematará coa discoteca móvil Gramola ás 2:00 horas.

 

 

A penúltima xornada comezará de mañá cunha alborada a cargo da charanga Los Támega. Logo, ás 11:30 horas, haberá procesión dende a igrexa de Rairiz de Veiga ata o Castelo da Saínza, acompañada Banda de Gaitas de Rairiz de Veiga. Ao remate, comezará a misa no campo de batalla para dar paso ao combate entre mouros e cristiáns ás 12:45 horas. A música continuará ás 14 horas cunha sesión vermú de Los Támega e, pola tarde, tocará a actuación dun dos pratos fortes desta romaría. A orquestra Olympus actuará ás 18:30 e ás 19:45 horas. Antes do último pase, renderase homenaxe a persoas destacadas na Romaría da Saínza (19:30 horas).

Os actos rematarán o martes 24 de setembro, día da festividade da Virxe da Mercé, coa procesión dende a capela da Saínza (12:15 horas). Pola tarde, dende as 18 horas, actuará o Trío Marfil no Campo da Festa.

Artigos relacionados

Back to top button