Tras máis dun ano sen actuar por culpa da pandemia, a Agrupación de Música e Baile Tradicional Abertal reencontrábase co público na tarde deste luns 17 de maio. E facíao nun dos días máis especiais do ano para unha agrupación que defende como ninguén a cultura, a tradición e a lingua galegas, o Día das Letras Galegas, e facendo o que mellor sabe facer, cantar e bailar.
Pasadas as seis e media da tarde, a Banda de Gaitas de Abertal comezaba un pasarrúas polo centro da vila que remataba na praza do Concello. E alí, diante do animado público desexoso de velos actuar despois de tanto tempo, comezaban un bonito e completo festival no que o son e o baile tradicionais se mesturaban cos versos de Xela Arias, a homenaxeada das Letras deste ano.

Era Maribel Campos, membro da agrupación, quen abría o acto facendo unha presentación e unha introducción á vida e obra de Xela. “Se vos gusta a poesía, ou aínda que non vos goste, se tedes ocasión lede un poema seu, paga a pena”, aseguraba dando paso aos outros protagonistas da tarde, os membros de Aberta, dende os pequeniños ata os maiores. Comezaba bailando o grupo de medianos e grandes, despois actuaban as pandereteiras (medianas e pequenas) e tamén bailaban os pequenos e os grandes de Abertal, intercalando as actuacións cos versos de Xela lidos polos pequenos da escola.
O broche a este esperado festival ao aire libre polo Día das Letras Galegas na Rúa poñíao a Banda de Gaitas interpretando dúas pezas.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver