A RúaConcellosEntroido 2023Galerías de fotosÚltima horaVídeos

A Rúa despide o Entroido chorando pola “Sardiña” finada

 

Tras un animado desfile na tarde do martes 21 de febreiro, A Rúa despedía definitivamente o Entroido na tardiña deste Mércores de Cinza, co enterro da Sardiña. A partires das oito da tarde, abríase o velorio de “Doña Sardiña do Atlántico e Cantábrico, viúva de D. Carnal” no adro da igrexa de Santo Estevo.

Entre loitos, choros e tamén bandexas de bica e licores, os veciños velaban e dábanlle o adeus a sardiña. Despois, o bispo iniciaba o ceremonial e tras rezar unha singular oración de tono satírico, daba paso á procesión: “deamos unha volta no seu honor, antes de proceder á súa incineración”.

 

 

A partir de aí, e malia a chuvia que hoxe si se deixaba sentir, a comitiva encabezada pola Sardiña, o bispo, o cura, o monaguillo e as monxas percorría entre cánticos e berros das choronas A Rúa Vella ata rematar na praza César Conti, onde seguidamente era queimada xunto aos lardeiros que estaban aínda colgados dunha farola da praza. A festa completábase cunha merenda a base de bocadillos de sardiña acompañada de viño para os asistentes ao enterro, por xentileza do Concello.

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button